Besteiro anuncia en Castro de Rei un percorrido polos centros de saúde galegos

LugoXa | TerraChaXa
O BNG leva ao Parlamento Galego unha batería de iniciativas para que se aclare a situación na que queda este consultorio
manifestacion-socialistas-centro-saude-castro
Concentración dos socialistas en Castro de Rei
30 Jun 2024

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro anunciou que os socialistas comprobarán in situ a situación dos centros de saúde de toda Galicia, logo de que, en resposta a unha pregunta no Parlamento, o presidente Rueda reflectira “un mundo de ficción que ben pouco ten que ver coa realidade que se está vivindo” na sanidade galega.

Ante o centro médico de Castro de Rei, Besteiro denunciou que as instalacións (unha das dúas que hai no municipio) estará pechada durante todo o verán “porque a Xunta así o decidiu”. Criticou tamén que “non é unha situación moi diferente do que acontece en moitas partes de Galicia”, e puxo como exemplos o punto de atención de Doiras, que tamén vén de pechar; Ribeira de Piquín, “onde levan moito tempo sen cubrir a praza de médico”, ou Ponteareas, onde “se anulou a atención polas tardes”.

O secretario xeral citou outros casos de problemas “que se estenden por toda Galicia”, como en Ribeira, onde o centro de saúde funciona practicamente coa metade do cadro de persoal que debería, ou Carballo, onde os veciños denuncian esperas de quince días para que os vexa o médico.

Detívose especialmente na insuficiencia de recursos dos servizos de pediatría, o que provoca que moitas familias “teñan que facer un longo percorrido para recibir atención”, tal como acontece en lugares como Cerdedo ou A Lama.

“Á Xunta e a Rueda non lles preocupa, pero queremos combater esa política de ficción e imos facelo cun percorrido por toda Galicia, acudindo aos centros de saúde para ver cantos médicos faltan, se se están cubrindo as baixas ou se prevén cubrir as xubilacións”, insistiu José Ramón Gómez Besteiro, que sinalou que a atención primaria é o servizo máis próximo aos veciños e que ten moita importancia, ademais de no eido da saúde, en cuestións tan significativas como o reto demográfico.

“Imos falar da realidade mentras outros falan de ficción”, asegurou Besteiro sobre a rolda de visitas que hoxe iniciou ante as portas pechadas do centro médico de Castro de Rei, nas que unha nota indica á veciñanza que durante o verán se despracen a outro centro sanitario para recibir atención médica.

O partido socialista contactou durante as últimas semanas con centros de saúde de numerosos concellos galegos para recibir información sobre a atención que están a prestar. Son poucos os casos nos que todas as prazas están cubertas e en condicións axeitadas.

Outro patrón que se repite é que, cada vez que se xubila un profesional, o seu relevo eternízase. Non é raro que tarde máis dun ano. As baixas por vacacións tamén quedan en moitas ocasións sen cubrir.

Unha das consecuencias máis visibles é que hai centros de saúde nos que os veciños esperan máis de 10 días para que os vexa o médico de cabeceira, coma denuncian, por exemplo, en Ordes ou no Grove.

Por ese motivo, o PSdeG pediulle ao presidente Rueda que reverta esa política de pechar centros e escatimar recursos, que invista na sanidade pública e a organice axeitadamente para atallar a situación límite na que se atopa. Besteiro reiterou esta mañá, nese senso, a oferta de pacto de país para mellorar o sistema sanitario e empezar polo máis urxente, a atención primaria.

Xunto ao secretario xeral dos socialistas galegos, achegáronse a Castro de Rei diversos cargos do PSdeG, entre eles, a viceportavoz no Parlamento galego Lara Méndez; a voceira en Castro de Rei, Alba Sinde, e a concelleira Ana Canto; o portavoz en Cospeito, Daniel Irimia; a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e a concelleira Paula Campo; o alcalde de Meira, Antonio de Dios Álvarez; o voceiro na Pastoriza, Constantino Fernández; a concelleira en Pol Marina Ramudo; o alcalde de Xermade, Roberto García; o responsable de Sanidade da executiva provincial, Miguel Rodríguez Lois, e a deputada Patricia Otero.

INICIATIVAS DO BNG

A deputada por Lugo no Parlamento galego do Bloque Nacionalista Galego, Montse Valcárcel, presentou no Parlamento Galego unha batería de iniciativas para instar ao goberno galego a que aclare a situación na que queda o consultorio de Castro de Rei durante os meses de verán e tamén despois do verán, tras a aparición dun cartel na porta do consultorio onde advertía que o consultorio estará pechado dende o 15 de xuño ao 15 de setembro

Montse Valcárcel declarou que "malia o grave prexuízo que isto supón para as máis de 1000 persoas que teñen a súa atención sanitaria neste centro o Sergas nin tan sequera se dirixiu de forma directa aos usuarios e usuarias, fíxoo a través dun cartel”

A deputada asegurou até o de agora o centro de saúde de Castro de Rei prestaba atención sanitaria de luns a venres entre as 10,00horas e as 14.00 horas, a partir de agora esta poboación terá que desprazarse un mínimo de 15 quilómetros para recibir atención “o que supón unha vulneración dos seus dereitos fundamentais pois a unha poboación moi avellentada supoñen un esforzo asistir ao centro de saúde” explicou Montse Valcárcel.

A nacionalista defendeu que "é preciso dar a volta ás políticas aplicadas nos últimos anos á sanidade pública galega. Para rachar a precariedade do Sergas é imprescindíbel dotalo de máis recursos

materiais e humanos, especialmente na atención primaria” dixo Montse Valcárcel.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17512202262878