Besteiro apoia o novo supermercado de Pol, o primeiro de titularidade municipal que abre en Galicia

Pol
LugoXa | TerraChaXa
O líder socialista participou na reapertura do establecemento facendo a compra e puxo en valor a xestión municipal como ferramenta para fixar poboación
supermercado-de-pol-besteiro
27 Dec 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou na reapertura do supermercado municipal de Pol facendo a compra, nun xesto simbólico co que quixo poñer en valor a importancia de garantir servizos básicos no rural como condición imprescindible para fixar poboación e combater a crise demográfica.

Durante a visita, realizada xunto ao alcalde socialista do municipio, Besteiro subliñou que “os socialistas non cremos nunha Galicia a dúas velocidades, nin nun país dividido entre o rural e a costa”, e defendeu un modelo de comunidade no que, con independencia do lugar no que se viva, a cidadanía poida acceder a servizos esenciais.

O novo supermercado de Pol, o primeiro municipal de Galicia, abriu de novo as súas portas tras dous anos de peche, un período no que a veciñanza tiña que desprazarse entre doce e quince quilómetros ata concellos limítrofes como Meira ou Castro para facer a compra diaria. A posta en marcha deste servizo, de carácter municipal, responde á decisión do Concello de garantir o acceso a produtos básicos sen obrigar á poboación a marchar.

“Fixar poboación tamén é isto: ter servizos, poder abastecerse no día a día no propio concello e vivir con dignidade”, sinalou Besteiro, que incidiu en que a crise demográfica existe e só se combate con feitos concretos e políticas útiles pegadas á realidade do territorio.

O supermercado conta con carnicería, produto fresco e mostradores abastecidos, recuperando un servizo que a veciñanza botaba en falta e que contribúe a dinamizar a vida social e económica do municipio.

Desde Pol, Besteiro insistiu en que este tipo de iniciativas exemplifican a forma de entender a xestión pública por parte do socialismo: poñer os recursos ao servizo da xente, responder ás necesidades reais e coidar o territorio. Ao seu xuízo, o rural ten futuro cando hai vontade política e compromiso coa igualdade de dereitos.

⚙ Configurar cookies
0.088427066802979