Besteiro asegura que Galicia terá corredor de hidróxeno verde
O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou que Galicia debe contar “si ou si” con hidroduto, unha infraestrutura “esencial para aproveitar o noso potencial enerxético”. “Que Galicia non conte cun hidroduto sería igual de ilóxico que excluír á Rioxa dun potencial viñoduto”, afirmou Besteiro.
Ante a negativa da Comisión Europea a incluír entre os proxectos de interese comunitario o hidroduto Guitiriz-Zamora, o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta quixo deixar claro o seu compromiso con esta infraestrutura, xa que de non executarse “limitaría o aproveitamento do potencial enerxético de Galicia”.
Así llo trasladou esta mañá á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a cal lle transmitiu o compromiso do Goberno de España coa infraestrutura, que coincide co anuncio realizado polo operador do sistema, Enagás, de que está na súa planificación a construción do mesmo.
Para Besteiro, Galicia debe ter como prioridade “activar o seu papel de territorio enerxético en Europa, capaz de producir un combustible de futuro, que non emite CO2 e que contribúe á soberanía sostible enerxética do proxecto europeo, facilitando ao sector produtivo galego unha enorme ferramenta de competitividade e ofrecendo á mocidade e á ciencia galega infinitas oportunidades”.
Rueda, ausente na defensa dos intereses de Galicia
Besteiro criticou o papel de Alfonso Rueda por “estar ausente na defensa ante Europa desta infraestrutura”. “Quen denega o financiamento para esta infraestrutura é unha presidenta e unha comisaria europea do Partido Popular”, sostivo Besteiro, que censurou que “o presidente da Xunta non tivera a capacidade nin a visión de defender a Galicia nesta importante toma de decisión”.
“Este asunto é un claro exemplo de que Galicia merece un presidente con iniciativa propia e con capacidade para coller un avión en calquera momento e plantarse en calquera lugar do mundo para defender os intereses de Galicia”, concluíu José Ramón Gómez Besteiro.
Para o candidato socialista este é un exemplo máis de como o goberno popular da Xunta deixa pasar oportunidades únicas para Galicia condenando ao país a un atraso en desenvolvemento, oportunidades e innovación que garantan a seu despegue económico e afiancen a súa soberanía, enerxética neste caso, e un papel destacado no futuro do Estado.