Besteiro comprométese a priorizar o AVE de Galicia con Portugal

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, criticou este domingo que “Rueda sáenos caro” en Galicia.
besteiro PSOE prensa
28 Xan 2024

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, criticou este domingo que “Rueda sáenos caro” en Galicia. Besteiro interviu nun acto político en Redondela diante de 300 persoas e apuntou que a falla de liderado de Rueda provoca que Galicia pague as consecuencias “do PP que manda, de Ayuso, aliada co PP de Portugal para rexeitar o AVE a Galicia e priorizar a conexión Lisboa – Madrid, diante da impasibilidade do candidato do PP galego. Subliñou que “non queremos a un Rueda calado, recibindo ordes de Madrid contra os intereses de Galicia”.

José Ramón Gómez Besteiro comprometeuse a priorizar o AVE Vigo – Oporto – Lisboa, que resulta “esencial para a nosa economía”, para o que conta co apoio dos socialistas de Portugal e advertiu que “isto vai de non perder máis oportunidades para Galicia”. Anunciou que os socialistas van reclamar un pronunciamento expreso de Rueda e do PP para modificar os regulamentos europeos e incorporar a liña á Rede Transnacional Europea en abril, permitindo introducir pasaxeiros e mercadorías.

Sinalou que co PP Galicia chega tarde á alta velocidade e agora ponlle paus nas rodas á conexión con Portugal, mentres tivo que ser un goberno socialista o que acelerara o paso para facer da alta velocidade unha realidade. Reivindicou a xestión do goberno socialista para situar a AP-9 “no camiño da gratuidade”, polo que agora hai unha bonificación do 75 por cento das peaxes entre Ferrol e Tui, que partiu dos Orzamentos Xerais aprobados polos socialistas galegos en solitario hai 2 anos. Dixo que a decisión da gratuidade das peaxes “tomarase a través dun goberno durante 4 anos con Pedro Sánchez á fronte, pese a quen lle pese”.

Reivindicou a “receita da modernización e da reindustrialización” para traer máis industria a Galicia grazas ao seu potencial enerxético, que permita camiñar cara á cohesión social e territorial e despregar as infraestruturas pendentes. Apostou por xerar máis riqueza para así fortalecer o Estado do Benestar para mellorar a sanidade e ampliar a rede pública de residencias de maiores.

Logo de 15 anos de gobernos do PP de Rueda e Feijóo “botándolle a culpa a todo o mundo, é o momento de que Galicia lle diga non ao PP e si a unha Galicia mellor representada e liderada polo proxecto socialista”. Defendeu o “mellor equipo, as mellores candidaturas, con experiencia, ambición por mudar o país e facelo mellor” de cara a un futuro “de prosperidade” no que Galicia “non vai dar a calada por resposta” e vai defender os seus intereses.

1.3650748729706