Besteiro comprométese a reducir os tempos de agarda e a integrar a Saúde Mental como especialidade
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reafirmou este domingo o seu compromiso con rescatar da UCI á sanidade pública galega que se atopa, afirmou, “en estado crítico” como consecuencia de quince anos de xestión do Partido Popular. “Unha xestión que destaca polo recorte, a precarización e a privatización e que levou, particularmente, á Atención Primaria a unha situación límite”, subliñou.
“En Galicia lembramos cando chamabas ao médico de cabeceira e ao día seguinte xa nos atendía. Hoxe, con Rueda, o presidente ausente, e coa herdanza de Feijóo, a cita pode demorarse ata ata 15 días” afirmou Besteiro. Tamén asegurou que o compromiso dos socialistas é claro. “Primeiro, cita médica no centro de Atención Primaria en menos de 48 horas, apertura dos centros de saúde; especialistas en Saíde Mental, máis pediatras para nenos e nenas e condicións laborais dignas para os profesionais sanitarios. Quen mellor que os socialistas para xestionar a Sanidade Pública, que fomos quen a creamos, a Sanidade pública e universal. A nosa confianza na Sanidade Pública é total”, ratificou.
Sobre as declaracións de Rueda, acerca da manifestación, Besteiro ironizou que “o problema hoxe en Galicia non é manifestarse, é enfermar: ese é o verdadeiro problema Hoxe estamos aquí porque ese é un verdadeiro problema para moitísimos galegos e galegas”. Besteiro incidiu en que a fórmula para reanimar a sanidade en Galicia pasa por incrementar os orzamentos, recuperar os medios técnicos e humanos coa mellora das condicións dos profesionais e a reabrir os centros de saúde que pechou o PP. “Esta vai ser a unha das primeiras medidas do futuro Goberno socialista no marco dun plan urxente que dirixiremos, principalmente, a recuperar a calidade da Atención Primaria e ampliar as súas especialidades”, afirmou.
Novo modelo sanitario
Besteiro insistiu en que “Galicia non pode resignarse a non ter suficientes ambulancias, a que 11.000 nenos non teñan pediatra, a que 200.000 persoas agarden por unha primeira cita hospitalaria ou a que haxa cidadáns de primeira ou de segunda para o sistema público de saúde en función do lugar no que vivan”. Porén, fixo fincapé en que a sanidade será a bandeira do Goberno socialista a partir do 18 de febreiro. Un Goberno “que traballará desde o minuto un para recuperar todos os recortes do PP e para instalar un novo modelo de atención pública sanitaria integral”.
Para o candidato á Xunta, é tamén fundamental acabar co nepotismo e a manipulación das listas de espera. “Teñen que ser reais, públicas e transparentes”. Amais destas medidas, o Partido Socialista tamén integrará a Saúde Mental como unha especialidade máis, reabrirá centros pechados por Rueda en zonas rurais, onde os usuarios son máis vulnerables porque non podemos consentir que a poboación teña o médico a máis de 30 minutos da súa casa”.