Besteiro defende o proxecto de Ence para As Pontes e subliña as súas diferenzas con Altri

TerraChaXa
Segundo explicou, este proxecto encaixa dentro dos principios da economía circular, cun enfoque “verde e baseado no reciclaxe”
psoe-besteiro
2 Jun 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou como un proxecto “top de economía circular” a iniciativa de Ence para instalar unha planta de biofibra reciclada branca nas Pontes, e asegurou que presenta “diferenzas notables e evidentes” con respecto a outras propostas como a de Altri.

Besteiro pronunciouse así este luns tras coñecerse que a Xunta vén de aprobar a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) deste proxecto. Na súa intervención, destacou que a postura do PSdeG é “moi favorable”, ao considerar que se trata dunha proposta “moi interesante para As Pontes e tamén para Galicia”.

Segundo explicou, este proxecto encaixa dentro dos principios da economía circular, cun enfoque “verde e baseado no reciclaxe”, que, ao seu xuízo, “nada ten que ver con outras macrocelulosas” como a que promove Altri en Palas de Rei.

Ademais, puxo en valor que a iniciativa de Ence actúa sobre un territorio en proceso de transición enerxética, contribuíndo á recuperación da zona industrial das Pontes tras o peche da central térmica.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntada tamén sobre o proxecto, sinalou que o Bloque está analizando a documentación para avaliar o seu impacto, mais lembrou que se trata dunha iniciativa que quedou fóra dos fondos Next Generation por non cumprir cos requisitos mínimos, ao non estar incluída no PERTE correspondente.

⚙ Configurar cookies
0.1587131023407