Besteiro promete un modelo público de residencias como as da Deputación

TerraChaXa
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, implantará en toda Galicia o modelo público de residencias que creou á fronte da Deputación de Lugo.
6 Xan 2024

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, implantará en toda Galicia o modelo público de residencias que creou á fronte da Deputación de Lugo. "Cando sexa presidente da Xunta, estenderei a Galicia o modelo de residencias públicas con prezos xustos que xa fixen cando fun presidente da Deputación de Lugo. Está apoiado por Europa como exemplar". Así o avanzou na visita que fixo no Día de Reis aos maiores que viven na residencia Santa María de Meira, unha das 9 que a Deputación ten hoxe en funcionamento.

"O meu modelo é todo o contrario ó de Rueda: aquí os maiores son tratados coma na casa, en centros pequenos e ben atendidos, sen ter que marchar do seu pobo, e pagan o xusto en función da súa capacidade patrimonial".

Besteiro aposta por estender a todo o país este modelo 100% público, “de eficacia xa contrastada, sen ningunha morte durante a pandemia, que pon no centro ás persoas, o benestar dos maiores e das súas familias, e cunha atención personalizada, pois a ratio é de practicamente un coidador por cada residente“.

Os centros “favorecen o arraigo”, xa que teñen prioridade as persoas da localidade e da comarca das residencias. Ademais, “todos os veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, poden acceder, posto que pagan en función da súa capacidade patrimonial".

Xunto á calidade asistencial, o modelo de residencias de Besteiro “crea actividade económica e emprego, o 95% feminino e fixa poboación”.

O candidato socialista á Xunta contrapuxo “o mellor modelo de benestar social que existe hoxe en Galicia e un dos mellores de Europa” co do Partido Popular de Rueda nos últimos 15 anos: "Caro, privatizador, deshumanizado, que fracasou na pandemia, e que puxo a Galicia á cola de toda España en prazas públicas de residencias, con tan só o 41%, mentres que a media estatal é do 62%, segundo o Imserso”. Coa súa mala xestión, deixa a Galicia cun déficit de 14.000 prazas residenciais”, segundo os parámetros da Organización Mundial da Saúde, que establece unha ratio de 5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos.

TOCA CAMBIO DE RUEDA!

"Rueda saénos moi caro aos galegos. Nin o dubiden: Toca cambio de Rueda!", resumiu Besteiro.

“Non abriron nin unha soa residencia pública en Galicia, nin con Feijóo, nin con Rueda”, pero tampouco aportaron nin un só euro ás administracións que, como a Deputación de Lugo, estivemos facéndolles os seus deberes”, engadiu.

“O meu modelo de residencia non é un regalo de Reis, é un dereito que gañaron os nosos maiores e temos a obriga de garantírllelo", asegurou o candidato socialista á Xunta durante a súa visita á residencia de Meira. Un encontro no que tamén participaron o Presidente da Deputación de Lugo e Secretario provincial socialista, José Tomé Roca, e o Alcalde meirego, Antonio de Dios Álvarez.

Precisamente, José Tomé destacou o interese doutros países europeos polas residencias da Deputación de Lugo e tamén lembrou que, cando se presentou o Perte da Economía Social e os Coidados en Moncloa, Lugo foi convidado a presentar o seu modelo. O presidente da Deputación explicou que “nas nosas residencias hai 30 residentes e 25 traballadores e impúlsase a economía circular posto que todo o que necesitan os maiores cómprase nos sitios nos que están situados os centros".

0.084887981414795