BFAero licencia dez novos proxectos no polo aeroespacial

TerraChaXa | LugoXa
Os 19 proxectos que participaron na BFAero mobilizaron 5 millóns de euros, crearon 62 postos de traballo e constituíron oito novas empresas 
BFAero licencias novas
3 Dec 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou en Lugo que a Business Factory Aero (BFAero) é unha peza fundamental no marco da nova estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025 para seguir sumando talento e consolidando tecido empresarial. De feito, os 19 proxectos que pasaron ata o de agora por esta incubadora e aceleradora especializada no sector aeroespacial mobilizaron arredor de 5 millóns de euros, crearon 62 postos de traballo cualificados e concluíron na construción de oito novas empresas.

Argerey realizou estas declaracións durante o acto de peche da segunda e terceira edición do programa, celebrado na cidade luguesa na sede da Fundación CEL. A xornada incluíu unha mesa redonda de intercambio de experiencias cos dez proxectos licenciados, a entrega de diplomas e unha visita ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR).

Ademais, a directora de Gain anunciou que no novo período do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2025 contémplase darlle continuidade á BFAero a través de novas convocatorias, impulsando así a creación e desenvolvemento de novas empresas de base tecnolóxica no sector dos vehículos non tripulados. Así, prevese a incubación e aceleración dun mínimo de 24 proxectos empresariais.

Os proxectos que pecharon o seu paso pola BFAero foron, por unha banda, tres que remataron a incubación iniciada en 2020 no marco da segunda edición, concretamente:

  • ALIVETOR,  spin off de Gradiant (Vigo) que está a desenvolver unha carga de pago radar para drons de peso reducido, capaz de penetrar a materiais como o ladrillo ou o cemento. Así, permitirá a busca de vítimas sepultadas baixo cascallos en escenarios como terremotos.
  • Contact-drone, spin off da Universidade de Vigo cuxo proxecto se centra no desenvolvemento de cargas de pago para vehículos non tripulados (UAV) que permitan establecer un contacto estable entre o vehículo aéreo e unha estrutura vertical. Esta carga de pago permitirá realizar tarefas de inspección non destrutiva baseada, por exemplo, en ultrasóns.
  • FREEdron, spin out de dúas empresas galegas: Cartogalicia (Santiago de Compostela) e Enxeñería Insitu (Lugo). Traballa nun dispositivo de captura de datos xeorreferenciados, de carácter multisensor e capacidade para ser embarcado en multiplataforma, como solución hardware-software modular e completa que permita un control de captura de datos e integración/procesado básico.

Por outra banda, licenciáronse os sete proxectos da terceira edición, dos que tres estaban en incubación:

  • PHARMADRON (Teruel) propón a entrega de medicinas por UAV. Servizo de entrega completamente autónomo (sen intervención do receptor) de gran precisión (20centímetros de erro) de medicamentos a comercios locais (como farmacias por exemplo) en áreas pouco poboadas para evitar contactos entre persoas, en prevención da covid-19.
  • SOLARBOTIX (Madrid) traballa na fabricación de conxuntos solares encapsulados (placas fotovoltaicas) mediante tecnoloxías de fabricación de compostos para que poidan moldearse en superficies non planas (por exemplo, as ás dos avións).
  • DRONESUITE, spin off do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) (A Coruña) que está a desenvolver unha plataforma cloud con ferramentas e utilidades SW destinadas a facilitar a xestión, operación e administración da actividade habitual dunha operadora de RPAS, que permite automatizar as tarefas de procesado e xerar resultados de forma eficaz.

E catro en aceleración:

  • CIES SOLAR (Vigo) ofrece o deseño e produción dun UAV de baixo peso (de apenas 3,8 kg), cunha grande autonomía de ata 10 horas, grazas á súa aerodinámica e aos paneis solares cos que conta, utilizado para a realización de inspeccións  fotogramétricas de grandes superficies (10.000 Hectáreas/día).
  • SAQQARAH (Vigo) traballa na integración de tecnoloxía de visión artificial e intelixencia artificial en UAV de dimensións reducidas e alta precisión de voo con cámara embarcada para inspección de procesos industriais e verteduras ambientais.
  • PRIMECOR (Alacante) dispón dun sistema de control de voo para UAV fiable, seguro e certificable. A súa aplicación é o control autónomo de calquera tipo de UAV para calquera tipo de misión: xestión de tráfico, seguridade e defensa, air taxis…
  • ATOM (Madrid) conta cunha ferramenta integral para a integración de drons en operación e mantemento de instalacións industriais (por exemplo, plantas solares fotovoltaicas). Crea unha contorna de traballo que facilita o uso de drons, planifica operacións, xestiona e procesa datos para análises complexas.

Servizos da aceleradora

A Business Factory Aero ofreceulle aos proxectos incubados e acelerados titorizacións personalizadas con expertos do sector, asesoramento tecnolóxico, acceso ás instalacións e equipamentos do Polo Aeroespacial de Galicia e a potenciais clientes, ademais de espazos propios para realizar coworking e recibir formación.

Os proxectos que participaron no programa recibiron ademais apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, teñen acceso a unha axuda de ata 100.000 euros na fase de incubación e de ata 50.000 na de aceleración da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia. Ademais, na fase de aceleración teñen acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros da Xunta a través de XesGalicia.

Neste programa participan, ademais da Axencia Galega de Innovación, do Igape e de XesGalicia por parte da Xunta de Galicia, colaboradores de relevancia como empresas tractoras líderes de mercado no sector como Indra ou Babcock, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), pequenas e medianas empresas galegas relevantes polo seu coñecemento ou as súas tecnoloxías, representadas polo Consorcio Aeronáutico de Galicia, e xeradores de coñecemento como as tres universidades galegas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16568303108215