Bibliotecas e museos reabren esta semana de xeito progresivo

TerraChaXa
As bibliotecas e museos xestionados pola Xunta de Galicia reinician esta semana a súa actividade presencial, coa apertura progresiva dos equipamentos en varias fases e a reincorporación do seu persoal.
18 Maio 2020

As bibliotecas e museos xestionados pola Xunta de Galicia reinician esta semana a súa actividade presencial, coa apertura progresiva dos equipamentos en varias fases e a reincorporación do seu persoal. Farano a través dun protocolo específico que establece pautas e medidas de protección e hixiene co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria para traballadores e usuarios.

Os primeiros equipamentos en reabrir as súas portas serán as sete bibliotecas públicas da rede autonómica, que operarán a partir de hoxe tras realizar na última semana as actuacións previas establecidas polo Ministerio de Sanidade. Trátase da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura; a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña, a Biblioteca de Lugo, a de Ourense, a Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra, a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago e a Biblioteca Juan Compañel de Vigo.

Esa volta á actividade producirase en tres fases. Na primeira procederase á apertura para as actividades de préstamo e devolución de materiais e lectura en sala. O préstamo farase baixo demanda e sen acceso directo aos fondos, polo que as obras serán solicitadas polos usuarios e proporcionadas polo persoal da biblioteca. Ao seren devoltos, os fondos deberán gardar unha corentena de 14 días. A lectura e consulta en sala só se permitirá naqueles fondos non susceptibles de préstamo a domicilio e respectando o límite dun terzo da capacidade da sala.

Clubs de lectura dixital
Na segunda fase potenciaranse os clubs de lectura dixital e as actividades de dinamización serán preferiblemente online, aínda que aquelas que poidan organizarse deberán garantir as medidas de seguridade precisas, limitando a capacidade das salas a un terzo e sen superar as 50 persoas.

Por último, na terceira fase, poderase acceder a todas as salas respectando as medidas de seguridade, mantendo prohibición de consulta directa polos usuarios. Os espazos comúns poderán empregarse ata un máximo da metade da súa capacidade respectando a distancia de seguridade e os usuarios poderán comezar a empregar os dispositivos electrónicos, ordenadores e medios informáticos do centro, que se limparán e desinfectarán tras cada uso.

Venda de entradas telemática
No que respecta aos museos, recuperarán a súa actividade o martes 19 de maio (dado que o luns é o seu día habitual de peche) tras unha semana de actuacións preparatorias. Tamén o farán en tres fases diferenciadas. Na primeira abrirán preservando un terzo da súa capacidade en cada un dos espazos e salas e sempre que sexa posible fomentarase a venda de entradas de xeito telemático.

O público non poderá tocar ningún elemento museográfico e as visitas realizaranse de xeito individual, permitindo unidades familiares ou de convivencia, pero non a reserva de grupos. Non haberá material de consulta libre e toda a documentación á que teñan que acceder os investigadores de forma presencial, e sempre que sexa imprescindible, gardará unha corentena de 10 días.

Transcorrido un período mínimo de dúas semanas dará comezo a segunda fase coa incorporación progresiva do persoal que determine o protocolo da Xunta para a volta ao traballo dos empregados públicos. E xa na terceira fase os museos poderán contar coa metade do seu aforo, mantendo os requisitos anteriormente sinalados.

Este protocolo será de aplicación no Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Massó de Bueu, o Museo Arqueolóxico de Ourense, o Museo do Castro de Viladonga, o Museo Etnolóxico de Ribadavia e o Museo do VIño, o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; a Casa Museo Camilo José Cela, o Museo Centro Gaiás e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Precisamente este luns celébrase o Día dos Museos cun amplo abano de actividades dixitais en liña que comezaron xa o venres pasado e que se enmarca na campaña #aculturasegue impulsada pola Xunta. Pode seguirse a través das súas redes sociais.

Máximo de 10 documentos
No que respecta aos arquivos, desde o pasado 4 de maio a Xunta traballou na realización das actuacións preliminares precisas para favorecer a volta á actividade. Desde entón, mantívose a atención telemática agás naqueles casos que fose absolutamente imprescindible, sempre con cita previa, e limitando a 10 os documentos ou unidades de instalación física por xornada de traballo. Toda a documentación ou materiais aos que acceden as persoas usuarias deben quedar en corentena de 10 días como mínimo nun espazo habilitado a tal fin antes de ser empregados de novo.

Así pois, este luns os arquivos inician tamén tres fases de recuperación progresiva da súa actividade. Na primeira comezará a traballar o persoal que determine o protocolo xeral da Xunta nas condicións establecidas. Cada instalación deberá ter xa dispoñibles os dispensadores de xel hidroalcohólico na entrada do centro, nos baños e nas salas. Na segunda fase, a consulta en sala estará limitada a un terzo da súa capacidade, garantindo a distancia interpersoal, e os materiais que precisen ser consultados serviranse baixo petición ao persoal do arquivo e a terceira fase completarase coa incorporación progresiva do persoal empregado público que fixe o protocolo da Xunta.

En concreto, son o Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña; o Arquivo de Galicia, no Gaiás, e os Arquivos Históricos Provinciais de Ourense, Pontevedra e Lugo.

Un total de 23 equipamentos
En total, a Xunta de Galicia xestione 23 equipamentos culturais repartidos por toda a Comunidade entre bibliotecas, museos e arquivos. Nos últimos días, cada centro directivo traballou nas actuacións necesarias para a reapertura seguindo as indicacións fixadas polo Goberno central no Boletín Oficial do Estado (BOE), o que se completa co protocolo autonómico aprobado polo Centro de Coordinación Operativa (Cecop).

Nel recóllense, ademais, medidas para traballadores, usuarios e directrices de limpeza nas instalacións. Neste sentido, a Xunta facilitará ao persoal os medios e equipos de protección que se establezan obrigatorios e adaptará a disposición dos postos de traballo, establecendo distancias mínimas de dous metros entre persoal de mesas e mostradores. Pola súa banda, os usuarios deberán cumprir tamén estas medidas de hixiene e desinfectar as mans con solucións hidroalcólicas que se facilitarán no acceso ás distintas dotacións. Polo que respecta ás tarefas de limpeza, prestarase especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuente, como mostradores, pomos de portas, mesas, mobles ou pasamáns.

Poténcianse os recursos dixitais
Cómpre lembrar que, a raíz do confinamento, a Xunta está a potenciar os recursos dixitais culturais. Neste sentido, impulsou GaliciaLe, a plataforma de préstamo electrónico, cuxo uso se disparou neste período. De feito, desde o inicio do estado de alarma, incrementou notablemente o seu número de usuarios (de 5.933 a 14.319) e o número de préstamos (de 14.921 a 41.500). Este sistema, que permite acceder a máis de 4.500 títulos, entre libros, revistas ou audiovisuais, seguirá ampliando os seus fondos no marco do Plan de Reactivación do sector cultural, para o que se adquirirán materiais procedentes de empresas editoras e audiovisuais galegas.

Igualmente, os museos ofrecen visitas virtuais a través do micrositio Galicia, na túa casa, que permite percorrer monumentos e espazos expositivos. Durante o estado de alarma, máis de 13.000 persoas accederon a esta opción, á que tamén se sumou a Cidade da Cultura a través da dixitalización da exposición Galicia, un relato no mundo.

0.16118502616882