Biciclistas Galegos celebrou a segunda Ruta Clásica por terras de Vilalba, Cospeito e Abadín

TerraChaXa
A actividade consistiu nun recorrido en bicicletas antigas de 60 km con saída da praia fluvial da Madalena
ruta-ciclista-clasica
24 sep 2024

A asociación deportiva e clube ciclista Biciclistas Galegos organizou unha proba ciclista singular entre os concellos de Vilalba, Cospeito e Abadín.

A actividade consistiu nun percorrido en bicicletas antigas de 60 km con numerosas características do ciclismo clásico. Non faltou o control de sinaturas previa á saída, o sprint especial, o premio da montaña, ademais de coches clásicos de apoio, mallots de lá e música da época.

Acudiron participantes da zona pero tamén da Coruña, Ourense, Asturias e Cantabria que recorreron estradas e pistas da zona da Terra Cha saíndo da praia fluvial da Magdalena. A Policía Municipal de Vilalba apoiou a iniciativa coa escolta da proba na saída de Vilalba.

Despois de tres horas e media os participantes acadaban a liña de meta completando unha nova edición desta ruta pioneira na zona e que paseniñamente comeza a coller forza. Ciclistas e acompañantes recuperaron forzas no Hotel Restaurante Terra Chá da capital chairega.

Esta actividade completa o extenso calendario de Biciclistas Galegos que perseguen desfrutar da bicicleta dun xeito non competitivo e dar a coñecer as riquezas paisaxísticas, culturais e turísticas das zonas onde se desenvolven as citas. Ademais, a asociación pretende reivindicar e reforzar o uso da bicicleta como medio de transporte limpo, efectivo, e saudable.

De cara ao próximo mes, a asociación realizará a tradicional Ruta da Muller e para rematar o ano unha ruta polo Forgoselo e a tamén tradicional despedida do ano dende o Monseivane o 31 de decembro.

De cara ao vindeiro ano a Biciclistas Galegos trocará de domicilio social dada a complexidade e problemas administrativos que lle supón a esta asociación organizar actividades deportivas en Vilalba.

0.17989206314087