Biciclistas Galegos inicia a tempada cicloturista de 2026 cunha proba en Lugo

O club ciclista Biciclistas Galegos deu comezo ás súas actividades cicloturistas de 2026 cunha proba celebrada en Lugo na que participaron preto de medio cento de persoas. A cita marcou o inicio dun calendario anual que levará diferentes marchas ciclistas a varios concellos das comarcas da Terra Chá e da Mariña.
O programa de actividades previsto para este ano inclúe probas en distintas modalidades, entre elas marchas en bicicleta de montaña, ciclismo de estrada e encontros dedicados ás bicicletas clásicas, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e a convivencia entre afeccionados ao ciclismo.
A seguinte cita terá lugar o 17 de maio no Concello de Abadín, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. A marcha cumprirá trece anos desde a súa primeira edición e terá ademais un significado especial para a entidade, xa que será a primeira que se celebre tras o traslado da sede do club a este municipio, realizado o pasado ano.
Desde Biciclistas Galegos destacan que estas iniciativas buscan promover hábitos de vida saudables, impulsar o ciclismo como actividade deportiva e dar a coñecer os espazos naturais das comarcas nas que se desenvolven as probas.