BNG esixirá no Congreso a mellora do servizo de Correos na comarca de Lugo

LugoXa | TerraChaXa
Néstor Rego reclama ao Goberno cumprir coas obrigas de servizo público e garantir unha atención de calidade en todo o territorio
BNG nestor rego
21 Jan 2026

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza o rexistro de novas iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado a mellora inmediata do servizo postal de Correos en todos os concellos da comarca de Lugo ante a situación de deterioro que está a sufrir, tanto na atención á cidadanía como nas condicións laborais do persoal. A organización nacionalista urxe o executivo a garantir a prestación dun servizo de calidade á cidadanía, especialmente no rural.

Esta decisión prodúcese após a reunión mantida polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, co Secretario Nacional da CIG-Correos, John Vivanco, xunto ás persoas portavoces e responsábeis locais do BNG nos distintos concellos da comarca de Lugo, en que se analizou o deterioro e recortes operados no servizo postal, así como as especiais deficiencias do reparto e atención ás persoas usuarias no rural.

“A falta de cobertura das prazas ou o aumento das áreas de reparto sen persoal asignado son elementos que provocan a perda de calidade dun servizo público esencial e afecta de maneira especial ás persoas soas e ás zonas con menor densidade de poboación, como é o caso de moitos dos concellos do rural de Lugo” sinala o deputado do BNG. Néstor Rego, neste sentido, reclama a cobertura de todas as prazas vacantes por xubilacións ou baixas, imprescindíbeis para garantir o cumprimento das obrigas de servizo público de Correos e medidas urxentes para asegurar o reparto e a atención no rural, sobre todo no que ten haber coas notificacións e citas médicas. Así como a ampliación dos horarios de atención ao público nas oficinas dos distintos concellos que permitan a súa utilización pola veciñanza.

Durante a xuntanza destacáronse os problemas que padecen concellos como o da Fonsagrada, un dos máis extensos do país, en que o reparto padece graves atrasos pola falta de cobertura do persoal, situación que tamén se reproduce en Baleira, Castroverde ou Outerio de Rei, entre outros, mais que é xeral a toda a comarca.

Para Rego, o abandono progresivo de Correos responde a unha estratexia de desmantelamento dos servizos públicos que “non podemos permitir” e subliña que o servizo postal “é chave para a cohesión territorial e a igualdade de dereitos, viva onde viva a cidadanía”.

Correos, explica o deputado do BNG, vén cumprindo, e pode seguir a cumprir un importante labor na Galiza, asegurando o mantemento de servizos públicos básicos no rural. Para logralo, é imprescindíbel apostar polo reforzamento das oficinas non o recorte, e pola cobertura de todas as prazas vacantes, ademais da reposición de actividades que, desde o ámbito público, permitirían manter servizos básicos para a cidadanía no rural, como a caixa postal, telefonía, etc.

Deste xeito, o Bloque Nacionalista Galego reitera o seu compromiso coa defensa dos servizos públicos na Galiza e na loita contra o seu deterioro, con especial atención nas comarcas do interior e nas zonas rurais onde resulta imprescindíbeis servizos públicos que permitan fixar poboación e garantir condicións de vida dignas.

⚙ Configurar cookies
0.076087951660156