BNG reclama ao Goberno axilizar as medidas para garantir a circulación segura no Alto do Fiouco na A-8
O deputado do BNG Néstor Rego Candamil presentou unha serie de preguntas dirixidas ao Goberno para a súa resposta escrita relativas á necesidade de axilizar a instalación da solución técnica que garanta a circulación segura no Alto do Fiouco na A-8.
Segundo explican, en xullo de 2014 producíase un tremendo accidente na autovía A-8 no tramo situado entre A Carreira no Concello de Abadín e Lindín no Concello de Mondoñedo, no Alto do Fiouco, que causou a morte dunha muller e case 50 feridos despois dunha cadea de colisións debido á nula visibilidade pola mesta néboa.
Ese accidente alertou sobre a necesidade de adoptar medidas no citado traxecto en que as intensas néboas son moi frecuentes, especialmente entre a primavera e outubro. Porén, no deseño e configuración da autovía A-8 ao seu paso polo Alto do Fiouco non se tiveron en conta as características xeográficas e climáticas propias da zona.
En 2015 o Ministerio abriu un proceso para a proposta de solucións técnicas avanzadas destinadas a mellorar a visibilidade e a seguranza na condución. Entre todas as opcións innovadoras o Ministerio optou por un sistema de luces láser, porén, aínda parece estar en fase de redacción o proxecto dez anos despois do terríbel accidente.
Neste tempo, foron habituais os fechamentos neste tramo de autovía polas néboas e o desvío do tráfico por unha N-634 que non está en condicións para absorber o tráfico debido ao mal estado do seu firme ademais da falta de capacidade para o tránsito de miles de vehículos.
O BNG engade que a presión política e social levou ao Ministerio a adoptar unha medida provisional coa instalación das denominadas balizas intelixentes con luces led nas marxes da vía que reduciron os cortes na A-8 "mais non é a solución definitiva que se demanda a un problema que é estrutural pola mala configuración da autovía e o seu trazado".
O sistema elixido polo Ministerio implica a instalación de luces láser que indican unha liña pola que circular e que tamén incorporan sensores que avisan doutros perigos. É o momento de axilizar a solución técnica seleccionada para que se poida conducir con seguridade por unha vía que foi
pensada para liberar de tráfico a vetusta N-634.
Polos motivos expostos, o BNG pregunta polo estado de tramitación se encontra o proxecto para instalar un sistema innovador de luces láser no tramo da A-8 no Alto do Fiouco para paliar os problemas de falta de visibilidade e de inseguridade viaria polas frecuentes néboas, fenómeno climático endémico na zona.
Reclama tamé si "non deberían axilizarse os trámites para a instalación desta solución técnica que leva anos de retraso? A que se debe a demora nunha mellora que foi aprobada hai tempo".
Preguntan tamén pola disposición que ten o Ministerio para imprimir unha maior velocidade á instalación deste necesario sistema para poder circular pola A-8 sen risco e sen necesidade de cortar o tráfico polas néboas.
Critica tamén que a N-634 non está en condicións, debido ao seu mal estado, de absorber o tráfico da A-8 cando se pecha á circulación.