BNG urxe o Goberno a impulsar a instalación dunha fábrica de pneumáticos nas Pontes

TerraChaXa
Néstor Rego esixe ao executivo concretar o proxecto anunciado e impulsalo no marco das políticas para a descarbonización e da transición xusta
vista-area-as-pontes
3 Dec 2025

Despois de que a Comisión de Industria do Congreso avalase a iniciativa do BNG, Néstor Rego demanda ao Goberno do Estado avanzar con decisión na concreción do proxecto anunciado para a implantación dunha fábrica de pneumáticos no Concello das Pontes. A proposta, defendida polo deputado do BNG, Néstor Rego, obtivo o apoio maioritario da cámara, que recoñeceu a urxencia de activar medidas efectivas para garantir unha transición xusta e a reactivación industrial da comarca.

A formación nacionalista considera imprescindíbel que o executivo cumpra con este mandato emanado do Congreso e habilite os mecanismos necesarios para materializar, canto antes, a chegada de novas industrias ás Pontes, dentro do marco das políticas estatais de descarbonización e reconversión dos territorios afectados polo fechamento das centrais térmicas.

A iniciativa nacionalista aprobada enfatiza que atraer nova industria á Galiza “é chave para frear procesos de deslocalización e fortalecer o tecido produtivo, tanto no sector da automoción como no dos compoñentes estratéxicos vinculados á mobilidade eléctrica”. O deputado do BNG lembra que a anunciada fábrica de pneumáticos forma parte das actuacións previstas no Plan de Transición Xusta, e reclama avances reais tras meses de anuncios sen concreción.

O deputado do BNG celebra a aprobación da iniciativa e subliña que “o Congreso manda unha mensaxe clara: o Goberno ten a obriga de cumprir cos territorios afectados pola transición enerxética e activar xa novas actividades económicas que xeren emprego, como o proxecto da fábrica de pneumáticos nas Pontes”.

Rego lembra que a comarca leva anos agardando alternativas industriais após o fechamento da térmica e advirte que “non hai tempo que perder: a transición só será xusta se se acompaña de investimentos produtivos reais que xeren emprego digno e estábel”.

“O Goberno debe actuar con responsabilidade e coherencia” insiste. “Se existe un anuncio oficial, se está incluído no Plan de Transición Xusta e se o Congreso avala que é prioritario, agora tócalle ao Goberno mover ficha e garantir que este proxecto se faga realidade”.

⚙ Configurar cookies
0.074885129928589