Boing pon en marcha en Rozas o laboratorio de proba de voos

TerraChaXa
Castro de Rei acolleu onte a posta en marcha do laboratorio de proba de voos impulsado por Boeing no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) a contribución da multinacional para consolidar este centro como un referente no ámbito dos avións non tripulados, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.
2020625CondeRozas1
26 Xuño 2020

Castro de Rei acolleu onte a posta en marcha do laboratorio de proba de voos impulsado por Boeing no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) a contribución da multinacional para consolidar este centro como un referente no ámbito dos avións non tripulados, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.

Esta infraestrutura enmárcase no proxecto Galician Skyway, centrado na busca de solucións tecnolóxicas para a seguridade do tráfico aéreo no tripulado en espazos compartidos con aeronaves tradicionais.

Con esta nova infraestrutura, o Polo Aeroespacial de Galicia enfronta un novo período de actuación entre 2021 e 2025 co obxectivo de dar resposta a novos retos a través da creación de instrumentos de colaboración público-privada que permitirán mobilizar 160 millóns de euros e consolidar así este proxecto e situar a Comunidade como rexión líder no eido dos vehículos non tripulados.

O principal reto para este período será transformar os resultados tecnolóxicos obtidos ata o momento en desenvolvemento industrial e crecemento económico a longo prazo, reforzando as infraestruturas existentes, consolidando a industrialización de equipos e sistemas e desenvolvendo solucións de interese que melloren os servizos.

Unha das primeiras accións será a publicación, o vindeiro 30 de xuño, dunha consulta ao mercado dirixida tanto a empresas como centros de investigación e institucións interesados en colaborar coa Xunta no seu obxectivo de mellorar os servizos públicos mediante os vehículos aéreos non tripulados.

O obxectivo desta consulta ten un carácter estratéxico para seguir definindo o futuro do Polo Aeroespacial de Galicia e deste sector emerxente. Así, preténdese obter información sobre estratexias de desenvolvemento de produtos, servizos e solucións das empresas do sector que poidan ser obxecto de colaboración público-privada; coñecer as propostas específicas sobre a creación de aplicacións e solucións de interese de cara a elaborar un mapa de demanda temperá tanto para o sector público como privado; achegarse aos retos do sector privado e ao interese de empresas usuarias por participar nun potencial programa de Compra Privada de Innovación; identificar as necesidades daquelas empresas cuxa tecnoloxía baseada en drons está en fase de industrialización ou de comercialización; e detectar o interese doutras organizacións e institucións nacionais e internacionais por colaborar co Polo Aeroespacial de Galicia.

As principais novidades, con respecto a consultas anteriores, son que nesta ocasión poderán participar tamén empresas que prevén emprego de drons nas súas operacións (como servizo de paquetería, transporte de viaxeiros...); institucións (co obxectivo de crear unha rede de compradores públicos interesados nestas tecnoloxías); e empresas que se atopen en fase de industrialización de proxectos.

Dentro das accións preliminares que se están desenvolvendo, inclúese unha consulta interna aos axentes que participaron nesta iniciativa no período 2015-2020 e a adquisición dun simulador U-Space para o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) a través dunha licitación de Compra Pública de Innovación impulsada polo CDTI no marco dun convenio asinado co Goberno galego.

Nesta nova fase preténdese impulsar o crecemento económico e a cohesión na rexión, a través do apoio a este novo sector de alta tecnoloxía; consolidar Galicia como unha rexión referente en Europa no segmento dos drons; atraer empresas líderes para que invistan en Galicia; e favorecer a comercialización e internacionalización dos produtos e servizos desenvolvidos polas empresas do sector aeroespacial en Galicia.

Desde 2015, o Polo Aeroespacial de Galicia está mobilizando 164M€ a través de investimento público-privado, o que está permitindo desenvolver 59 proxectos nos que participan 52 empresas e centros de investigación que xeran máis de 450 empregos.

0.16596698760986