Boing realizou en Rozas demostracións sobre seguridade de tráfico aéreo

TerraChaXa
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou nas demostracións que a empresa Boeing realizou no seu laboratorio de simulación de continxencias de voo situado nas instalacións do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) -en Castro de Rei, Lugo- de cada un dos sistemas desenvoltos no marco do contrato de Compra Pública Pre-comercial Galician SkyWay.
unnamed
22 sep 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou nas demostracións que a empresa Boeing realizou no seu laboratorio de simulación de continxencias de voo situado nas instalacións do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) -en Castro de Rei, Lugo- de cada un dos sistemas desenvoltos no marco do contrato de Compra Pública Pre-comercial Galician SkyWay. Un programa de I+D que desenvolve coa colaboración de diferentes empresas e centros de investigación, cunha alta complexidade tecnolóxica, que busca solucións avanzadas para a seguridade do tráfico aéreo non tripulado en espazos compartidos con aeronaves tradicionais. Estas demostracións forman parte das probas de validación técnica do peche do proxecto, que remata o vindeiro mes de outubro.

A directora de Gain destacou a contribución da multinacional aeronáutica para consolidar o CIAR como un referente a nivel mundial na experimentación, simulación, ensaios en voo, validación e mesmo pre-certificación e certificación de tecnoloxías no eido dos avións non tripulados, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. Pola súa banda, o director de estratexia e desenvolvemento de negocio de Boeing Research & Technology Europe, Eduardo Carrillo, subliñou que este proxecto, en colaboración cos seus socios galegos, foi un exemplo de colaboración público-privada e un éxito desde o punto de vista tecnolóxico. Segundo o responsable de Boeing, a Civil UAVs Initiative, en combinación coas instalacións do CIAR, proporcionoulles unha oportunidade singular para avanzar en tecnoloxías relevantes para a integración de sistemas autónomos no espazo aéreo compartido.

Este programa, denominado Galician SkyWay e dotado cun investimento público-privado de 10,2 millóns de euros, ten como obxectivo principal dar resposta aos problemas técnicos actuais e futuros que se poidan plantexar nun escenario no que os drons e os avións non tripulados teñan unha alta implantación. Galician SkyWay inclúe seis proxectos que buscan ofrecer unha solución tecnolóxica específica para as distintas situacións que poden producirse en voo e que foron identificadas polas axencias de seguridade aéreas como claves (perda da comunicación coa estación base, incapacidade de detectar e evitar colisións, perda de sinal procedente das infraestruturas de axuda á navegación e posicionamento como o GPS, perda de impulso do motor, perda de enerxía e perda de control sobre o UAV por actos de interferencias).

Resultados acadados
Como resultado desta colaboración instalouse un laboratorio de simulación de continxencias en voo para UAV, que supón unha importante contribución ao equipamento do CIAR, fortalecendo a súa competitividade como infraestrutura científico-tecnolóxica para a I+D+i. Neste laboratorio despregouse unha infraestrutura de simulación para a realización de probas de diferentes solucións de Detect and Avoid (Detectar e evitar). Tamén se levou a cabo o primeiro desenvolvemento dun sistema de continxencias para UAV totalmente autónomo en voo que permite avaliar as alertas identificadas polos diferentes sistemas de continxencias de abordo e tomar a decisión máis adecuada segundo os criterios adoptados en cada caso seguindo diferentes requisitos de seguridade, operacionais ou de misión.

Así mesmo, desenvolveuse un sistema de navegación alternativo á navegación convencional con sinais GNSS (Global Navigation Satellite System); desenvolveuse unha infraestrutura HW/SW experimental facilmente adaptable a calquera dron que permite a toma simultánea e sincronizada de imaxes capturadas desde diferentes sensores de visión e inerciais con alto grao de sincronización; propuxéronse para patente unha serie de ideas novas para a prevención e mitigación do risco ante unha continxencia que implique un descenso incontrolado, así como un protocolo de actuación; desenvolveuse unha metodoloxía de cálculo de traxectorias seguras para a aterraxe de emerxencia en UAV de ala fixa en caso de perda de motor; implementouse unha nova solución ao problema da perda de comunicacións durante o voo que implica a integración de diferentes equipos embarcados e en terra, así como dun sistema de sincronización de mensaxes entre o UAV e a estación de terra, que permite coñecer en todo momento a calidade do sinal e replicar a toma de decisións da aeronave en terra baixo diferentes circunstancias de continxencia, acoutando en todo momento a incerteza.

Por último, definiuse unha nova interface cun sistema de control de tráfico proporcionado por Enaire, entidade pública empresarial que xestiona a navegación aérea en España, para proporcionar datos de continxencia en voo aos controladores, por exemplo a traxectoria prevista e a incerteza asociada, e permitir así que estes poidan tomar mellores decisións á hora de coordinar o tráfico circundante en caso de posibles continxencias en voo de UAV e desenvolvéronse técnicas de detección de ciberataque na rede de comunicacións dos UAV. Durante os meses de xuño e xullo leváronse a cabo voos de ensaio coas plataformas do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) nas instalacións do CIAR.

Polo Aeroespacial de Galicia
O acordo de asociación entre a Xunta de Galicia e Boeing, en base a un modelo de Compra Pública Precomercial, enmárcase nas licitacións do Polo Aeroespacial de Galicia, que perseguen mellorar a prestación dos servizos públicos a través do uso de vehículos non tripulados.

Neste contexto, Boeing e Xunta desenvolven un programa conxunto de I+D cun investimento asociado de 10,2 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega 6M€, cofinanciados nun 80% con fondos Feder do período 2014-2020 a través dun convenio de colaboración asinado en 2016 co Estado, e Boeing os restantes 4,2M€, empregando a 94 persoas. Neste proxecto participan tamén Enaire, entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Fomento; o INTA; o centro tecnolóxico de telecomunicacións de Galicia (Gradiant); 
a tecnolóxica galega Televés, especializada en equipos de comunicacións; a startup galega Centum, especializada en cargas de pago e sensores para o sector aeroespacial e focalizada en seguridade aérea/defensa, salvamento/rescate e emerxencias; e Soticol, unha empresa de base tecnolóxica que xorde na Universidade de Alcalá, especializada en detección de drons, autopilotos e robótica.

unnamed
0.22619199752808