Bravas inicia hoxe en Meira unha xira por seis concellos
O espectáculo Bravas, da actriz Isabel Risco, iniciará unha xira que a levará a Meira, O Corgo, Cervo, Antas de Ulla, Cervantes e Xermade. Trátase dunha montaxe cómica e comprometida, na que a actriz coruñesa mergulla ao público na historia desde unha perspectiva feminista, destacando feitos relevantes protagonizados por mulleres.
Baixo a premisa “A nosa historia con saias e a rachar”, o espectáculo reivindica e visibiliza personaxes femininas da historia e a mitoloxía de Galiza –María Soliña ou María Castaña- pero tamén mulleres anónimas que se involucraron en movementos e loitas sociais como as cigarreiras da Coruña que levaron a cabo a primeira folga feminina en 1831.
A primeira actuación celebrarase hoxe venres, na casa da cultura de Meira, ás 22.00 horas, coa colaboración da Asociación Cultural M de Meira. A entrada será libre e gratuíta ata completar as prazas dispoñibles, limitadas pola normativa sanitaria vixente.
A xira continuará no Corgo, o 6 de agosto, en Cervo, o 21 de agosto, e Antas de Ulla, o 29 de agosto. As últimas actuacións serán en Cervantes, o 9 de outubro, e en Xermade, o 6 de novembro.
Isabel Risco protagoniza Bravas, o seu segundo espectáculo unipersoal, no que nos ofrece a súa particular visión da historia das mulleres galegas. Unha historia sempre roubada, agochada e invisibilizada.
Bravas é unha produción teatral sobre mulleres sen medo, mulleres que forman parte dun valeroso clan, o clan que elas mesmas paren, amamantan, manteñen, constrúen cós alicerces da rebeldía, da rebelión, da ilusión, do inconformismo, da valentía, da xustiza social, da empatía, da humanidade.
Isabel Risco propón un xogo desde o teatro cómico e comprometido. Alegre e combativa, porque entende que se non podemos bailar, se non é divertíndonos, tampouco é a nosa revolución. Así, con este espectáculo pretende ademais reivindicar o humor das mulleres, que ofrece unha perspectiva única, plural, diversa, poliédrica e tan necesaria da realidade.
Bravas fai un repaso histórico pola nosa era, desde a época castrexa ata o século XXIII. Unha viaxe no tempo con paradas en diversas estacións, reparando nas pequenas e grandes historias protagonizadas polas nosas mulleres.
Isabel Risco ponse na pel dunha muller do rural galego de finais do século XXVII, dunha muller en loita en plena revolución industrial, dunha rapaza que descobre o mundo nos anos 60, ... Mulleres do noso pasado, do noso presente e, tamén, do noso futuro. E todo isto pasado polo filtro, sempre aloucado, sempre cómico, sempre sorprendente desta actriz sen igual.