Bretoña prepárase para unha nova edición da Festa da Bola de Liscos e das Freces
A Asociación de Amigos da Feira de Bretoña anunciou que a XII edición da Festa da Bola de Liscos e Freces de Bretoña terá lugar o domingo 23 de abril, no concello da Pastoriza, continuando coa recuperación da mesma realizada o ano pasado tras tres de ausencia.
Trátase dunha celebración que busca ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e que organiza unha remodelada Asociación de Amigos da Feira de Bretoña.
Esta festa, que tivo as súas orixes nos albores do 2000, celebrouse por última vez no ano 2018 na que foi a súa décima edición e a intención o ano pasado era establecer unha continuidade para solicitar esta designación galega, e todo está listo.
Na edición do ano pasado repartíronse unhas 200 bolas de liscos e de 800 racións de freces entre os asistentes a este evento que desbordaron as previsións.
A bola de liscos é un prato da zona elaborado con masa de pan, panceta afumada, chourizo e verzas, o que se coñece como cociña con produtos de subsistencia pero cun resultado espectacular. Para os que non coñezan este produto, ten moito parecido cunha empanada gorda pero moi xugosa e sabrosa. Esto é debido aos liscos do seu interior e o sabor é pola cobertura de verza coa que se mete ao forno.
As freces son coma unhas migas, feitas de manteiga, ovo, fariña, pan e leite, aderezado con azucre ou mel, o gusto do comensal.
Na programación deste ano lémbrase que haberá música polas rúas coa Escola de Música da Pastoriza e sesión vermú a cargo do dúo Estrelas.
Non faltará a carpa onde se fará a degustación e posto de venda de polbo. Animará tamén a festa unha selección de postos de artesanía.
Pero a festa dará comezo o sábado pola tarde cunha sesión de cantos de taberna e tapeo polo bares do pobo, a partir das 22.00 horas.