Burela acolle o pleno do Consello Galego de Pesca na súa primeira reunión fóra de Santiago
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe en Burela a primeira reunión do Consello Galego de Pesca trala súa renovación, unha vez completados os comicios nas confrarías, e a primeira que se celebra fóra de Santiago desde a súa creación para facela coincidir coa feira e as xornadas técnicas Expomar Burela 2019. Nela, os integrantes do pleno expresaron a súa preocupación e inquedanzas pola reforma do regulamento xeral de Costas que propón o Goberno do Estado e que pon en risco máis dun cento de empresas galegas entre conserveiras, depuradoras de moluscos, cocedoiros e instalacións de acuicultura.
“Estamos tremendamente preocupados por este asunto e démoslle traslado ao sector para que saiba os pasos que estamos dando desde a Administración. Tamén porque cremos que os afectados poden presentar alegacións aínda que sexa fóra de prazo, pois o prazo dado foi moi curto e a maioría de afectados nin se decatou de que había esta proposta de regulamento. Por iso, anímoos a que aporten o seu punto de vista”, explicou Rosa Quintana.
Neste primeiro encontro do novo pleno, coa renovación de arredor do 40% dos seus membros, a Consellería do Mar detallou esas xestións realizadas polo Executivo galego para intentar mitigar o impacto da modificación proposta polo Goberno central e indicou os cambios que implica. Entre eles destaca o prazo de duración das concesións en base ao cómputo das prórrogas, que agora quedaría nun máximo de 75 anos prórrogas incluídas, cando antes non se contabilizaba a concesión inicial senón unicamente as prórrogas.
Outro dos puntos de controversia é a necesidade de revisar o cumprimento dos requisitos para o outorgamento da concesión, trámite xa realizado no seu momento, cando se proceda a decidir sobre a prórroga. A isto súmase a necesidade de derivar fóra da zona de dominio público marítimo-terrestre todas as actividades que poidan emprazarse noutro lugar, o que complicaría a rendibilidade dalgunhas empresas.
A Consellería do Mar explicou ao sector que xa presentou alegacións a esa reforma coa idea de garantir ao máximo o principio de seguridade xurídica de maneira que os distintos operadores afectados non queden a expensas dos cambios de criterio dos sucesivos gobernos. “A conselleira de Medio Ambiente e máis eu tamén solicitamos unha entrevista co secretario de Estado de Medio Ambiente e coa ministra de Transición Ecolóxica e esperemos que nos dean unha solución ás alegacións presentadas. Tamén que mediten a situación, reinicien o procedemento e dean un prazo xusto para que todo o mundo poida opinar sobre este novo real decreto”, resumiu a titular de Mar.
Ademais, a Xunta mantivo nas últimas semanas reunións cos sectores afectados para analizar a situación pero lamenta a ausencia de información aportada polo Goberno estatal e a dificultade para acceder a documentación pública sobre esa modificación do regulamento.
Deseño do futuro FEMP
O Consello Galego de Pesca tamén abordou o deseño do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que rexerá entre os anos 2021 e 2027, sobre o que a Consellería do Mar deu conta do traballo realizado por Galicia tanto cun informe no que participou o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) como co ditame do Comité Europeo das Rexións que liderou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e que foi aprobado por unanimidade por este organismo en maio do ano pasado.
“Eses argumentos tamén acaban de quedar recollidos nunha declaración conxunta de España e Francia de cara ao futuro FEMP, que queremos que sexa máis flexible na súa tramitación administrativa pois é tremendamente complexo”, detallou Rosa Quintana. A maiores, o Consello Galego de Pesca acordou constituír un grupo de traballo para elaborar antes de xuño un ditame sobre o futuro fondo coas principais reivindicacións de Galicia.
Ese documento pretende responder á petición da Secretaría Xeral de Pesca do Goberno central de achegas para os trílogos que se celebrarán proximamente coa nova Comisión e ca Eurocámara para deseñar o regulamento do futuro fondo. “O novo FEMP debe favorecer o relevo xeracional, permitir a financiación de novos barcos para mellorar a súa habitabilidade, e as axudas á industria transformadora”, subliñou a conselleira do Mar.