Burela acollerá o 21 de marzo o I Foro Económico da Mariña sobre a pesca
O xoves 21 de marzo terá lugar o I Foro Económico da Mariña que analizará A distribución e comercialización do peixe. Situación actual e perspectivas. No evento participarán como poñentes Eduardo Míguez, de Puerto de Celeiro; Miguel Neira, de Absa; Sergio López, da OPP de Lugo; así como un representante de Adexmar.
Con esta cita dan comezo as actividades do Foro Económico da Mariña, que organiza a asociación do mesmo nome, e que pretende ser un punto de unión e encontro para os empresarios da comarca.
Adrián Piñón, secretario do Foro Económico da Mariña, explica que “o primeiro Foro Económico da Mariña, tratando de situalo en diferentes sectores como se pretende, imos centralo neste caso no tema da distribución e a comercialización do peixe. Cremos que este é un sector fundamental para a comarca e por iso arrincamos deste xeito. Queremos que as diferentes empresas, tanto comercializadoras como distribuidoras, que traballan nas lonxas principalmente de Celeiro e Burela teñan un lugar, un entorno de referencia para tratar de analizar a situación actual que vive o mercado, as perspectivas que se poden atopar no corto prazo, tratar temas como o Brexit, que lle afecta en gran medida á pesca, e queremos ser un punto de encontro para estas empresas”.
Sobre o discorrer deste primeiro encontro Piñón conta que “nós queremos que o foro sexa o máis aberto posible tanto na asistencia das persoas como no seu funcionamento. Entón o primeiro será unha charla coloquio entre diferentes poñentes. Van asistir por exemplo Eduardo Míguez ou Miguel Neira dos portos de Celeiro e de Burela, ou Sergio López da OPP de Lugo, e tamén representantes da Adexmar. Estes conferenciantes relatarán a súa visión sobre o sector e despois poderán intervir todas aquelas persoas que queiran do público para facer as súas preguntas ou expoñer os seus puntos de opinión. Tras todo isto haberá un espazo para relacionarse uns cos outros de forma máis persoal, cuns pinchos, para que sexa todo máis ameno”.
O I Foro Económico da Mariña terá lugar o 21 de marzo ás 12:00 do mediodía no Hotel Nordés, en Burela.