Burela agarda asinar un convenio para xestionar e embelecer dúas rotondas de acceso ao porto
O alcalde burelés, Alfredo Llano, agarda asinar un convenio con Portos de Galicia para xestionar e embelecer dúas rotondas de acceso ao porto. Deste asunto falou coa presidenta do ente, Susana Lenguas.
O rexedor contou que “entre outras cousas expúxenlle a necesidade de facer un convenio para xestionar as rotondas do acceso ao porto, obra que está perfectamente integrada e foi unha axuda extraordinaria para o concello de Burela. E hai dúas rotondas, unha delas é a que primeiro se atopa vindo de Foz e é para acceder ao porto e tamén a Burela directamente. Queremos xestionala para preparala e axeitala acorde á importancia do noso concello, queremos que chame a atención e sexa bonita. E hai outra rotonda no propio porto, de acceso a ABSA e a outras instalacións portuarias”.
O alcalde seguiu a relatar que “tamén levaba outra cuestión, que é aproveitar un espazo que ten Portos na rúa do Porto, que está detrás dunhas naves de armadores e da Capitanía Marítima. É grande e está moi ben situado polo que queremos chegar a un acordo para facer un convenio que permita utilizalo como un espazo público para a veciñanza de Burela. Pero agora vai ser difícil dada a actividade que teñen nese espazo: hai unha serie de naves e mercancías e produtos que ten que manexar Portos e polo tanto en principio non se pode empregar como tal espazo público. Pero si vamos tratar de que o adecúen e o preparen para mellorar a súa estética. Desde Portos teñen ese compromiso e, se non se pode facer un convenio, van procurar mellorar aquel espazo para que se vexa máis estético e acorde co que pretendemos no concello de Burela”.
A práctica deportiva da pesca tamén estivo presente na reunión “outro tema do que falei coa presidenta de Portos é a posibilidade de habilitar un espazo para a práctica deportiva da pesca. O que me dixo foi que agora están pensando en crear un espazo específico para iso, sobre todo para a pesca da lura, que é o que se fai no porto de Burela. Están mirando e dirannos algo para ver como se pode habilitar un espazo para esta práctica deportiva da pesca”.
O alcalde de Burela engadiu: “tamén tratamos sobre a instalación de fibra óptica na nave de redes, onde se fai Expomar, Produart e outras actividades importantes para o concello e tal é como están as cousas agora na cuestión dixital é moi necesario dotar do máximo potencial para traballar a través de internet. Por tanto expúxenlle que é necesario e que hai unha petición clara das empresas que veñen a Expomar de dotar as instalacións da nave de redes dunha funcionalidade clara respecto a internet. E vamos mirar a mellor fórmula para solicitar a instalación de fibra óptica na nave de redes”.
Llano contou que “estivemos falando tamén da posibilidade de que as embarcacións recreativas poidan ter cabida no porto de Burela e hai un proxecto a longo prazo para favorecer que as instalacións portuarias sigan medrando e conten con máis capacidade e con mellores servizos e prestacións. Comentamos que a singularidade do porto de Burela é moi importante, ten unha categoría extraordinaria e é fundamental para o noso concello, polo que van levar para adiante todo aquilo que sirva para favorecer que cada vez teña máis capacidade de funcionamento en todos os aspectos”.