Burela celebrará o Día das Letras Galegas con dúas actuacións

TerraChaXa | AMariñaXa
Burela celebrará o Día das Letras Galegas a vindeira fin de semana con dúas actuacións.
58761449_2360160777536579_7232658526269603840_n
15 Maio 2019

Burela celebrará o Día das Letras Galegas a vindeira fin de semana con dúas actuacións. O sábado, día 18, a Coral Polifónica de Burela comparitá escenario xunto ás corais de Mera e A Estrada a partir das 20:30 horas na Casa da Cultura. E o domingo 19 estará en Burela Andrea Pousa que ofrecerá un concerto ás 19:30 horas. O concelleiro José Díaz subliñou que é unha das voces que máis está soando en Galicia nestes momentos.
O edil de Cultura anunciou que “imos ter dous eventos musicais en conmemoración dese día importante para a cultura galega. O primeiro vai ser o sábado, 18 de maio, ás oito e media da tarde no auditorio municipal, onde imos ter o concerto das Letras Galegas, como fixemos en anos anteriores, coa Coral Polifónica de Burela máis dúas corais que veñen invitadas que son a Coral Polifónica Estradende, de A Estrada, e a Coral Polifónica de Mera, que é de Oleiros”.
José Díaz dixo que “sempre é un pracer recibir a outras corais que seguen traballando no tema musical tanto de Galicia como de Asturias, que tamén teñen vido outros anos. Penso que é un reparto moi interesante para ese concerto, así que invitar a todos os bureleses e á xente de fora de Burela a acudir a esta cita”.
O concelleiro burelés engadiu que “o domingo 19 teremos o concerto de Andrea Pousa, ás sete e media da tarde. É unha cantante melódica lírica galega, tamén é actriz, e actualmente no panorama galego a nivel de canción melódica é unha das que máis está soando non soamente en Galicia senón tamén fora da comunidade”.
Díaz lembrou que “Andrea Pousa foi unha das que interveu no musical Keltia que fora moi soado, hai uns anos, por todo o territorio galego. Un musical moi ambicioso e con moita calidade de escenografía e tamén musical. Agora ten un disco en solitario, que acaba de sacar hai moi pouquiño que se chama Respirar, é o primeiro álbum seu, e tamén vai facer versións de cancións e de temas míticos da canción galega, como Negra Sombra, entre outros. Neste disco ademais de cancións interpretadas en galego tamén ten temas en portugués e en castelán”.
O edil socialista pensa que “vai ser un concerto moi especial que encaixa moi ben co que queremos conmemorar e co que queremos que se manteña no Día das Letras Galegas. Vai vir ela mesma presentar no Concello este mércores o concerto e falaranos un pouco de cómo vai ser esta cita, que é unha das importantes este ano aquí en Burela”.
 

0.094139099121094