Burela celebrou as comisións informativas telemáticas preparatorias do Pleno

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
28 Abr 2020

No Concello de Burela celebráronse nas últimas horas as comisións informativas telemáticas para preparar o Pleno que terá lugar o vindeiro xoves, 30 de abril. A sesión podería ser emitida vía streaming, aínda que esta posibilidade está pendente de confirmación. O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que o seu equipo traballa na elaboración do orzamento municipal para 2020, que tentarán levar a pleno o vindeiro mes de maio.

O rexedor contou que “onte fixemos as primeiras comisións informativas do Concello de Burela telemáticamente e realmente funcionou perfectamente. Vemos que é un bo método para, mentres dure o estado de alarma, facer todo tipo de reunións, de plenos e de comisións”.

Llano lembrou que “faremos o pleno extraordinario que corresponde celebrar o día 30, para tratar catro puntos: o inventario, a incorporación de Burela a Concellos polo clima e pola enerxía, imos tamén adxudicar a empresa de limpeza e aprobaremos o Plan Único, que temos para este ano 2020”.

O alcalde subliñou que “é unha experiencia boa, intentaremos facer tamén telemáticamente, dunha maneira óptima, o pleno e a ver se nos dan a dirección onde se pode recibir a través de streaming para toda a xente que queira poida seguilo”.

Alfredo Llano manifestou que “este é un pleno no que nos apura o Plan Único, que ao mellor non hai tanta presa porque o prazo non remata o día 3, como estaba previsto, senón que entrará en prazo despois do estado de alarma, e sobre todo a adxudicación da empresa que se vai encargar da limpeza viaria en Burela”.

O rexedor anunciou que “trataremos tamén de levar a pleno, en maio, o orzamento no que agora mesmo xa se está traballando e estamos en contacto coa Intervención para que se logre levalo a aprobación o vindeiro mes. Con iso imos avanzando, dentro do que é o noso propósito, de manter o Concello de Burela dunha maneira normalizada, dentro da normativa e con todas as vantaxes que nosoutros poidamos ofrecer co noso traballo”.

0.088659048080444