Burela concederá axudas ao comercio, á hostalería e aos autónomos
O Concello de Burela concederá axudas directas ao comercio, á hostalería e aos autónomos para tentar paliar os efectos negativos ocasionados pola crise sanitaria do coronavirus. Así o anunciou o alcalde, Alfredo Llano, tras a xuntanza mantida hoxe con representantes da Acia local. E subliñou que o Concello facilitará a instalación de terrazas para que os locais hostaleiros poidan ir iniciando a súa actividade pouco a pouco.
O rexedor contou que “hoxe tivemos outra reunión con representantes da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Burela. Levamos xa unha tempada en contacto con eles porque pensamos que é moi positivo que o Concello estea en todos os ámbitos importantes para o desenvolvemento integral de Burela e tamén das preocupacións derivadas da pandemia do virus”.
Para Alfredo Llano “a reunión foi interesante e nela comenteilles que derivado do aforro que tivemos o ano pasado respecto ao orzamento temos unha liquidación positiva de aproximadamente 400.000 euros, que é a cantidade que vamos incluír nos orzamentos deste ano para poder facer fronte á problemática derivada do coronavirus. É unha cantidade significativa, que vai abarcar axudas directas aos comercios, á hostalería, aos autónomos,… pero tamén é unha axuda que vai ser destinada, de acordo coas necesidades, a emerxencias sociais, á infancia e a familias que precisen que lles botemos unha man. Penso que é unha cantidade significativa, aparte doutra que xa está contemplada no orzamento e que se sumaría a esta. Por tanto estes 400.000 euros esperemos que cheguen e sobren para atender todas as necesidades derivadas da problemática ocasionada pola pandemia do coronavirus”.
O alcalde anunciou que “quedamos cos representantes da ACIA en elaborar unhas bases para que todos os establecementos presenten unha solicitude das necesidades que poidan ter ou daquelas cuestións que consideren e nosoutros darémoslles unha axuda directa aos que o xustifiquen para atender as súas necesidades máis inmediatas. Eu creo que é unha boa noticia porque desa maneira trataremos de adaptarnos ás necesidades que cada un dos autónomos, das empresas ou da hostalería, sexa cal sexa a rama, que soliciten para o que consideren máis necesario: impostos, taxas, etcétera. Será unha axuda directa para atender polo menos aquelas necesidades máis urxentes e que prefiran”.
O rexedor burelés subliñou que “por outro lado, trataremos de facer en conxunto entre o Concello e a ACIA unha promoción para defender a Burela como un destino ideal para vir ao comercio, aos restaurantes, aos bares, … Queremos facer unha boa promoción en conxunto para poñer a Burela no mapa e beneficiar ao conxunto dos veciños e en particular ao que deriva do comercio, do turismo e de todo aquilo que sexa positivo social e economicamente para o noso concello”.
Na xuntanza de hoxe Concello e Acia abordaron tamén outras cuestións: “vamos tratar de ter unhas máquinas que empregan o ozono como elemento base para desinfectar locais. Queremos mercar as que sexan mellores para que garantan que van desinfectar perfectamente os establecementos. Ademais vamos axudarlles con material desinfectante e algunha outra cousa que necesiten. Estamos aí con eles estudando as necesidades e a cantidade que precisan”.
Llano dixo que “estas reunións están sendo interesantes e positivas e o Concello, dentro das nosas posibilidades, trataremos de axudar a este colectivo e tamén ás familias que o necesiten, derivado desta pandemia preocupante que a ver se podemos ir saíndo dela o antes posible. Vamos seguir coas reunións e o próximo luns imos ter a seguinte, na que xa especificaremos moito máis como facer para que a xente reciba as axudas”.
As terrazas da hostalería estiveron presentes no encontro de hoxe: “en canto ás terrazas da hostalería, pensamos que os establecementos necesitan ir abrindo paulatinamente e ademais é bo que se vexa no pobo que xa hai actividade hostaleira, entón vamos facilitar moitísimo as solicitudes que fagan os hostaleiros para colocar terrazas. Imos intentar axilizar e favorecer para que sexa así. Evidentemente ten que haber uns protocolos porque se trata tamén de ter controlada a epidemia, pero desde o Concello vamos facilitar a instalación das terrazas”.
Por outra banda, están coa preparación do pobo para que sexa atractivo e atraer turismo unha vez rematen as fases e chega o verán. "Faremos algunha campaña conxuntamente cos industriais e comerciantes para favorecer o noso comercio, o turismo e as actividades", di Llano.