Burela cualifica de exitosa a presenza de Burela en Xantar de Ourense

TerraChaXa | AMariñaXa
13 Feb 2019

Burela ofreceu unha degustación de bonito na feira Xantar, en Ourense. O alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, cualificaron de auténtico éxito a actividade na que participou numeroso público.
Fernández Rey subliñou que “o balance é moi positivo, a xente estivo encantada coa degustación, seguiremos promocionando Burela no día de hoxe xunto co alcalde, e todo o fin de semana teremos aquí o stand atendido por xente de Burela con pequenas degustacións. Tamén se poderán ver os vídeos que temos preparados e os folletos turísticos que trouxemos. O balance é moi positivo e esperamos que este tipo de feiras nos sirvan para seguir avanzando no tema turístico en Burela”.
O concelleiro de Turismo quixo “agradecer a presenza de cincuenta persoas de Burela que quixeron estar hoxe aquí con nós, e que viñeron no autobús que fletamos. Non sabíamos como ía ser a resposta así e a verdade é que incluso nos quedamos curtos con ese autobús. Agradecer a presenza deles aquí porque viñeron un pouco a apoiar toda esta labor que estamos facendo e que menos que darlles as grazas polo esforzo de vir ata aquí e disfrutar desta feira que, seguramente, para o ano queiran volver”.
Pola súa banda o alcalde burelés, Alfredo Llano, declarou que “nosoutros viñemos aquí para que estivera presente Burela co noso produto estrela que é o bonito. Tivemos a degustación con moito éxito. Foi preparado de múltiples maneiras, presentado e degustado para que se vexa que hai moitas maneiras de preparalo”.
O rexedor salientou que “é fundamental estar aquí porque é un peixe que é coñecido en todas as mesas. Trouxemos o bonito, pero tamén falamos da merluza e de todos os produtos que se comercializan en Burela. Todos os días son máis de cen especies diferentes as que se comercializan e iso dá lugar a infinitas exposicións culinarias e unha variedade e unha diversidade total. Puxemos de releve o que é o peixe como produto gastronómico de primeira importancia, presumimos de cómo facemos nosoutros a pesca do bonito de Burela, que se fai dunha maneira sostible e artesanal, coidadosa coa especie, o que lle dá unha calidade extraordinaria. Tratamos de motivar desde aquí que vaia a Burela e á Mariña moita xente, que recoñezan o bonito do norte e a merluza do pincho e tamén que o merquen en calquera lugar que o atopen. Penso que fixemos unha exposición boa”.
Alfredo Llano manifestou que “temos que seguir promocionando a nosa pesca porque é un alimento extraordinario e tamén unha base fundamental da nosa economía tanto no litoral da provincia de Lugo como en toda Galicia. Este é un escaparate moi bonito e agradable de ver. Nosoutros estamos completando o que é a oferta gastronómica galega e sobre todo a nosa proposta para que veñan a visitarnos e a degustar os nosos produtos no concello de Burela”.

0.15048503875732