Burela súmase á campaña En Negro Contra As Violencias

TerraChaXa | AMariñaXa
Burela súmase por cuarto ano consecutivo a iniciativa En Negro Contra As Violencias. A campaña insta a tinguir de negro as casas e as rúas. 
Cartel base
12 Nov 2020

En Negro Contra As Violencias desenvolverase este ano, debido á pandemia do covid, a través das redes sociais. O Concello de Burela súmase por cuarto ano consecutivo a esta iniciativa. A campaña tamén insta a tinguir de negro as casas e as rúas.

Un ano máis arranca a campaña En Negro Contra As Violencias, que neste 2020 debido á crise sanitaria actual e ás restricións de mobilidade e distanciamento social, vaise facer principalmente a través das redes sociais.

En Negro Contra As Violencias, é unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde en 2015 en Santiago de Compostela co impulso da Administración Local, crecendo e involucrando ano tras ano a un maior número de Concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de forma viral mesmo fóra de Galicia. Aínda que está latente durante todo o ano, é sobre todo no mes de novembro e, concretamente, no 25 N -Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres-, cando a acción desprega a súa actividade dunha forma máis intensa.

Desde o seu inicio buscouse implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento ás violencias de xénero e aos asasinatos machistas.

Tamén se apostou por identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás das violencias de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, empresas, establecementos comerciais e axentes sociais.

No quinto ano de percorrido da campaña, esta conta coa participación de 2 Deputacións, 140 Concellos, 210 empresas, 155 colectivos e 72 centros de ensino. En total preto de 500 entes que se organizan mediante unha plataforma para loitar contra as violencias machistas. Ademais, miles de establecementos apoiaron durante estes anos a acción cubrindo de negro os seus escaparates e lugares de traballo.

Neste ano, no que a emerxencia sanitaria pola pandemia obrigou ao confinamento domiciliario, lonxe de mellorar a vida de moitas mulleres fíxose, se cabe, máis difícil. Así o denunciou a Organización Mundial da Saúde (OMS), instando aos gobernos a tomar medidas urxentes de prevención para facilitar, deste xeito, a asistencia ás mulleres que se puideran atopar en situación de vulnerabilidade ou perigo.

En Negro Contra As Violencias demostrou ser unha ferramenta moi útil para que os Concellos –grandes e pequenos– puidesen implementar, desde o mesmo marco, diferentes iniciativas que na suma total constituísen unha única grande acción. Este ano, preténdese do mesmo xeito unir forzas e tinguir de negro, non só os establecementos, senón tamén as casas, as rúas e as redes sociais. Conscientes das dificultades actuais para organizar accións presenciais, este ano centraranse os esforzos en actividades virtuais. A primeira tivo lugar o pasado 4 de novembro, a través dunha reunión virtual con preto de noventa participantes co obxectivo de poñer en rede as diferentes actividades que se están a programar.

Igual que en anos anteriores, o proxecto a nivel global, conta co patrocinio de Gadis e Finsa, garantindo a coordinación e o desenvolvemento das accións globais e co apoio das Deputacións de Pontevedra e Lugo para os seus respectivos territorios.

O Concello de  Burela, a través da Concellería de Muller e Igualdade, por cuarto ano consecutivo únese á campaña de denuncia e sensibilización social En Negro Contra As Violencias “co obxectivo de visibilizar que as violencias contra as mulleres non cesan e animan á participación activa dos vecinos e veciñas,  tinguindo de negro as súas casas, balcóns, redes sociais, locais,...”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19105005264282