“Buscamos que o noso traballo se recoñeza e gañemos apoios”

Canto tempo leva funcionando e cal é a súa finalidade?
Morcegos de Galicia naceu en Lugo no ano 2004, co nome, daquela, de asociación Drosera. A finalidade é contribuír ao coñecemento e a conservación do patrimonio natural galego. Cos anos fomos especializándonos cada vez máis no estudo e conservación dos morcegos ata que chegou un momento en que ocupaba o 100% do noso traballo. Entón decidimos cambiar o nome da entidade polo de Morcegos de Galicia, que era o nome baixo o que englobábamos todo o que faciamos de morcegos e que nos representa mellor.
Como xurdiu a idea?
Os morcegos interesáronnos desde sempre, pero foi no ano 2007 cando demos o verdadeiro salto profesional ao mundo dos morcegos. Naquel momento aínda se sabía ben pouco sobre as especies presentes en Galicia e a súa distribución. Decidimos lanzar un proxecto de atlas dos morcegos de Lugo e iso levounos a contactar con outra xente que estaba a facer cousas con morcegos e que se uniu ao grupo, puxemos en marcha a páxina web e comezamos a colaborar co grupo de morcegos da Estación Biolóxica de Doñana, dos que aprendemos moito. Nos anos seguintes fixemos os proxectos máis importantes que se teñen feito en Galicia con morcegos.

Teñen a sede nas Pontes, pero o seu traballo lévaos por máis sitios, non?
Traballamos por toda Galicia e colaboramos en proxectos doutras comunidades. O feito de estar a sede nas Pontes é casual.
Cales son as súas principais actividades?
Realizamos diferentes actividades enfocadas ao estudo, a conservación e a divulgación sobre os morcegos. Todos os anos desenvolvemos varios pequenos proxectos de investigación e tarefas de seguemento poboacional en refuxios co obxectivo de mellorar o coñecemento sobre a ecoloxía dos morcegos galegos. Nestes proxectos participan ás veces voluntarios e estudantes en prácticas ou que están a realizar traballos académicos. Ademais traballamos en varias liñas de conservación, como establecer acordos con propietarios de construcións que albergan colonias de morcegos ou protexer axeitadamente cavidades que lles serven de refuxio. E facemos moitas actividades de divulgación, como charlas en colexios ou para asociacións, noites de morcegos (nas que ademais da charla, saímos a escoitar e ver os morcegos durante a súa actividade), ademais de manter as redes sociais de Morcegos de Galicia.
De cara á mocidade e xente nova hai moitas cousas no verán.
Sobre todo as noites de morcegos, que atraen a moita xente. Tamén realizamos un campo de traballo científico en colaboración coa Asociación Galega de Custodia do Territorio, o InsuaCamp, todos os veráns en Rábade. Este ano celebraremos a décima edición.
O colectivo está a crecer cos anos?
Medra pouco a pouco, si. Ao ter un obxectivo tan específico e que, no traballo de campo, require unha formación axeitada, tampouco buscamos aumentar en canto a número de socios. O que buscamos, sobre todo, é que o traballo que facemos cos morcegos sexa recoñecido, gane apoios e sexa máis eficaz. E iso lévanos a despregar un montón de actividades e entrar en contacto cun montón de xente, o que ao final fai que máis persoas se acheguen aos morcegos a través de Morcegos de Galicia.

Contan con apoios privados ou de institucións?
Contamos con financiamento público e privado. Acudimos ás liñas de axudas que nos permiten abordar o traballo que facemos con morcegos, por exemplo, as axudas para entidades ambientais da Deputación da Coruña ou as da Deputación de Lugo. E hai empresas que nos teñen apoiado tamén. Por exemplo, conservas Antonio Pérez Lafuente leva apoiándonos desde hai máis de dez anos. Hai liñas de traballo nas que nos gustaría traballar máis e mellor, como é a protección e adaptación de refuxios (naturais e artificiais), pero que son moi complicadas de financiar.
Sobre o morcego, hai un pouco de medo e as veces pouca afinidade. Temos unha idea equivocada deste animal e da súa importancia?
Si, hai moitos prexuízos contra os morcegos, pero igual que sucede con outros moitos animais. En Galicia, a nosa cultura tradicional achacaba diversos males a moitos animais e o que non era velenoso era de mal agoiro. Aínda hoxe hai moita xente que mira mal ás barbantesas, as denociñas ou moitas das cobras inofensivas que forman parte da biodiversidade galega. E tamén aos morcegos. Pero a nosa experiencia é que cando lle explicas a alguén como é a vida dos morcegos, a súa importancia nos ecosistemas e, máis aínda, cando lles das a oportunidade de observalo, a percepción mellora deseguido. Por iso son tan importantes as actividades de divulgación.