Caballero di que o estatuto das electrointensivas farase público de xeito inminente

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
6 Feb 2020

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo unha xuntanza co comité de empresa de Alcoa na que lle  trasladou que o estatuto das empresas electrointensivas se fará público de xeito inminente e que seguirá traballando pola viabilidade da factoría e do emprego na Mariña.

Coa saída deste texto a exposición pública nos vindeiros días, Gonzalo Caballero puxo en valor que o goberno progresista cumpre o seu compromiso cunha medida favorable ás empresas que son grandes consumidoras de enerxía.

Así, o líder do PSdeG explicou que o documento incorporará unha batería de instrumentos de apoio á industria electrointensiva que inclúen compensacións ao CO2, PPT e ás renovables.

Ademais, Gonzalo Caballero apuntou que o estatuto que persegue abaratar os custes da factura eléctrica ás empresas de gran consumo contará con todas as garantías xurídicas e cumprirá coa normativa e coas indicacións das institucións europeas.

Finalmente, o máximo dirixente do PSdeG trasladou aos traballadores o compromiso de seguir traballando polas medidas necesarias para manter o emprego da planta, así como a importancia de manter a presión sobre unha empresa que recibiu millonarias axudas durante anos.

Así, Gonzalo Caballero solicitará ao goberno que manteña toda a atención e tome as medidas posibles para a viabilidade da factoría. 

O secretario xeral do PSdeG-PSOE participou nesta xuntanza na que tamén estiveron presentes o presidente da Deputación Provincial, José Tomé, a secretaria xeral do PSdeG de Lugo, Patricia Otero, o secretario de Organización do PSdeG-PSOE, José Antonio Quiroga, a deputada no Congreso Ana Prieto, así como alcaldes e alcaldesas socialistas da Mariña de Lugo.

0.21439003944397