Caixa Rural Galega aproba na súa Asemblea Xeral as contas de 2021
Caixa Rural Galega celebrou a súa Asemblea Xeral anual este sábado coa presenza do Consello Reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e os representantes das Xuntas Preparatorias celebradas durante estas últimas semanas nas localidades de Alfoz, Sarria, Lugo, Vilagarcía de Arousa e Monforte de Lemos.
O punto máis relevante da orde do día foi a aprobación das contas do exercicio 2021, das que destaca un beneficio neto que acadou os 6,32 millóns de euros, o que supón un incremento do 10% respecto do anoa anterior. Este incremento enlaza nove anos consecutivos medrando na cifra de resultados, concretamente desde o ano 2013 que supuxo o primeiro exercicio con incremento de resultado neto tras a crise financeira de 2008.
As contas recollen uns activos que superan os mil setecentos corenta millóns de euros e que supoñen un crecemento do 18% respecto do ano anterior. Os depósitos de clientes superan os mil cincocentos millóns de euros e a inversión crediticia acada preto de setecentos sesenta e oito millóns de euros, o que supón para ambas partidas crecementos do 20% e do 11% respectivamente.
A morosidade pechou o exercicio no 2,65% cunha baixada de preto de un punto respecto do exercicio anterior na liña dos últimos anos. Sen embargo, prevese un cambio de tendencia debido ao freo da recuperación económica froito das incertezas ocasionadas polo conflito bélico en Ucrania, a evolución dos prezos e os problemas nas cadeas de subministracións. A ratio de solvencia acada o 15,24% cumprindo, como en anos anteriores, os requirimentos do regulador e incrementándose en preto de un punto respecto do exercicio precedente.
Tamén estaba na orde do día a elección de varios membros do Consello Reitor por cumprimento do tempo de mandato.
O Presidente da Entidade destacou que o panorama global actual está cheo de cambios, retos e incertezas debido a sucesos moi diversos como o Brexit, a pandemia, o estalido do conflito en Ucraína, unido á maior revolución tecnolóxica da humanidade. Este avance impasible da tecnoloxía afectou especialmente ao colectivo da xente maior que se sentiu inxustamente tratada nun servizo fundamental como é a banca. E é neste punto no cal a Entidade adquire o seu verdadeiro valor xa que o primeiro obxectivo de Caixa Rural Galega é serlle útil á xente, sempre sen abandonar a senda da rendibilidade para poder seguir medrando.
En relación á situación económica, destaca que tras a enorme caída da produción en 2020, o ano 2021 comezou cunha relevante recuperación, pero sucesivos brotes de Covid, e un brusco, intenso e de momento persistente aumento da inflación, entre outros factores, frearon a recuperación, deixando a España entre os países máis atrasados neste sentido. Esta situación ten un impacto directo sobre a capacidade real de gasto dos fogares e as marxes empresariais, e a súa duración dependerá do conflito no leste de Europa e de como se comporte o turismo, ente outros factores.
Igualmente destaca que Caixa Rural Galega volve presentar cifras record tanto en investimento crediticio como en depósitos, con crecementos sostibles ano tras ano, e é no crecemento destes últimos no que se pode ver a confianza que os clientes veñen depositando na Entidade. Doutra banda, o cambio de rumbo da autoridade monetaria debido á inflación, suporá subidas de tipos de interese na segunda metade deste ano que se espera sexan moderadas, pero permitirán ao sector mellorar a rendibilidade dos activos e con iso fortalecer a solvencia.
Para finalizar e en nome do Consello Reitor, Manuel Varela trasladou un especial agradecemento aos empregados polo seu esforzo para superar este ano cheo de contrastes, vaivéns e dificultades, animándoos a continuar construíndo este proxecto todos xuntos coa mesma confianza de sempre.