Caixa Rural Galega celebra a súa Asemblea Xeral en Antas de Ulla, Lugo e Vilalba

TerraChaXa | LugoXa
Caixa Rural Galega celebrou a súa Asemblea Xeral anual coa presenza do Consello Reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e os representantes das Xuntas Preparatorias celebradas durante estas últimas semanas nas localidades de Pontevedra, Melide, Antas de Ulla, Lugo e Vilalba.
Asemblea Xeral caixa rural galega
13 Maio 2024

Caixa Rural Galega celebrou a súa Asemblea Xeral anual coa presenza do Consello Reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e os representantes das Xuntas Preparatorias celebradas durante estas últimas semanas nas localidades de Pontevedra, Melide, Antas de Ulla, Lugo e Vilalba. O punto máis relevante da orde do día foi a aprobación das contas do exercicio 2023, das que destaca un beneficio neto que superou os 21 millóns de euros, o que supón un incremento superior ao 140 % respecto do ano anterior e novamente unha cifra récord para a Entidade con sede en Lugo.

Este incremento é debido á mellora de marxes froito da subida de tipos de xuro oficiais que levou a cabo o Banco Central Europeo ao longo do exercicio, así como á rapidez e intensidade desta subida. Unha situación moi diferente da de anos anteriores na que os tipos de xuro negativos penalizaban de xeito significativo as contas de resultados do sector. As contas recollen uns activos que superan por primeira vez os dous mil millóns de euros e que supoñen un crecemento algo superior ao 3,50 % respecto do ano anterior.

Os depósitos de clientes acadan os mil oito centos corenta e dos millóns de euros e a inversión crediticia acada oitocentos cincuenta e un millóns de euros, en termos netos, o que supón uns incrementos para ambas partidas do 5,6 % e do 3,1 % respectivamente. A inversión crediticia bruta acadou os oitocentos sesenta e sete millóns de euros, cun incremento de 37 millóns, o que supón un 4,47 % respecto do exercicio anterior.

A morosidade pechou o exercicio no 2,71%, algo inferior á do exercicio anterior y por baixo da media do sector, algo a destacar nun contexto de subida de tipos de xuro, inflación e incertezas no ámbito internacional. A ratio de solvencia acada o 19,01 % cunha mellora de máis de tres puntos porcentuais respecto do ano anterior, debido ao excepcional resultado, o que permite superar con folgura os requirimentos do regulador. Esta mellora afianza a fortaleza da entidade de cara seguir medrando no futuro.

O presidente da Entidade lembrou que se está ante tempos de importantes transformación como a desaceleración da globalización ca volta a comportamentos máis proteccionistas, a loita contra o cambio climático, a transición enerxética, a transformación dixital, a aparición de novas tecnoloxías como é o caso da Intelixencia Artificial, ou mesmo o envellecemento da poboación en Europa. Todo isto, xunto ás crecentes tensión internacionais, coa guerra de Ucrania sen resolver e o recente conflito en Oriente Medio, implican grandes retos para o futuro, pero tamén traerán consigo importantes oportunidades que a Caixa deberá ser capaz de aproveitar.

0.14679098129272