Caixa Rural leva a Vilalba o 'Café Camiño'

TerraChaXa
Comerciantes, representantes municipais e de asociacións locais reuníronse, por iniciativa de  Caixa Rural Galega, no Centro Cultural Recreativo de Vilalba para participar nunha charla-coloquio co propósito de coñecer como poden orientar a súa actividade co obxecto de aproveitar o Camiño de Santiago como dinamizador da economía local e motor demográfico.
aspontes enpezas 696x928
14 Nov 2019

Comerciantes, representantes municipais e de asociacións locais reuníronse, por iniciativa de  Caixa Rural Galega, no Centro Cultural Recreativo de Vilalba para participar nunha charla-coloquio co propósito de coñecer como poden orientar a súa actividade co obxecto de aproveitar o Camiño de Santiago como dinamizador da economía local e motor demográfico.
A convocatoria contou coa participación de hostaleiros, e diversos sectores con capacidade para aproveitamento do potencial económico do Camiño do Norte. Tamén estiveron representadas a Asociación de Empresarios Sete Pontes, o Consello Regulador da Denominación de  Orixe Queixo de San Simón da Costa e o Concello de Vilalba coa presenza do Concelleiro de Turismo, Modesto Renda, e a Alcaldesa, Elba Veleiro.
Na súa intervención de benvida e en nome de Caixa Rural Galega, José Manuel López destacou que o Camiño de Santiago “é un factor estratéxico de desenvolvemento local, que contribúe ao desenvolvemento económico local e a fixar poboación”, sinalando a importancia que ten este recurso ante o despoboamento que están a sufrir as zonas rurais, remarcando a aposta da entidade polas propostas que sirvan para impulsar novas iniciativas empresariais.
Na súa exposición, as representantes de Where is Galicia mostraron diferentes aspectos do Camiño de Santiago en xeral e do Camiño do Norte en particular, que consideran un itinerario cun gran atractivo e potencial. Achegaron ideas con solucións sinxelas e prácticas, moi fáciles de implementar por parte dos negocios e comercios, que serven para mellorar a súa visibilidade e atención a esta nova xeración de peregrinos, entre os que os estranxeiros son xa tan numerosos como os nacionais, destacando que “todos eles acaban converténdose nos mellores prescritores dos lugares por onde pasan”.
A charla contaba coa presenza de Roberto Fraga,  CEO e co-fundador da firma Pillgrym Travel & Services, que foi galardoada este ano co Premio á Mellor App Turística Nacional na categoría de Guía de Destino, impulsado por Segittur e Fitur, que recoñece ás aplicacións máis útiles e innovadoras. Na súa exposición explicou as diversas áreas da súa actividade, así como transmitiu aos presentes a dimensión económica que os Camiños de Santiago teñen e o potencial que iso supón para as localidades polas que discorren. Destacou a necesidade de “unión entre os diversos actores”, xa sexan administracións, asociacións, empresarios e negocios para traballar en común co obxecto de “crear destino” e que os  peregrinos e camiñantes poidan percibir valor e calidade na súa experiencia.  
Para pechar o acto serviuse un almorzo que permitiu aos asistentes compartir opinións dun xeito máis próximo, no que se intercambiaron ideas, consultas e propostas entre asistentes, autoridades locais e relatoras, entre as que destacaron felicitacións e agradecementos aos representantes de  Caixa Rural Galega e Where Is Galicia por levar a cabo esta novedosa iniciativa.

Captura de pantalla 2019 09 19 a las 8.51.06
0.12034702301025