Cajoto aclara que o edificio e os terreos do antigo asilo de Foz son propiedade privada
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, aclara que o edificio do antigo asilo e os terreos anexos son propiedade privada, da Fundación Martínez Otero, e o Concello non ten ningún dereito nin obriga sobre ese inmoble.
O rexedor municipal manifesta que “é intolerable que se xogue deste xeito coas veciñas e veciños de Foz. Por respecto a eles, teño que saír a desmentir un novo engano do actual portavoz do Partido Popular de Foz. Estamos acostumados a que cada certo tempo o actual portavoz do PP de Foz trate de venderlles aos veciños do noso concello un proxecto irrealizable", di Cajoto.
Normalmente -non é o caso- soe coincidir con citas electorais. Comezou co proxecto dun megaporto deportivo, imposible e inviable por unha cuestión tan clara como a falta de calado para as embarcacións. Máis recentemente, hai agora xusto dous anos, en novembro de 2018 o ex mandatario anunciaba a bombo e prato en prensa que o Concello de Foz ía dispor dun flamante novo auditorio na horta do actual asilo. Declaraba que había acordo co Padroado da Fundación Martínez Otero para a cesión dos terreos e que para o financiamento plurianual xa tiña prevista a reunión con Feijóo: todo era fume”, engadiu o rexedor.
“É intolerable que se xogue cos veciños e veciñas desta maneira. O que debería esixírselle é un mínimo de honestidade”, engade Fran Cajoto, quen explica que “o asilo e os seus terreos anexos, propiedade da Fundación Asilo Martínez Otero, están destinados a un fin conforme a un testamento. O actual portavoz do PP sábeo ben, xa que na súa etapa de rexedor era membro nado do padroado na súa condición de alcalde", di Fran Cajoto.
"Pero o máis grave de todo é que tratou de enganar á opinión pública cun presunto acordo inexistente e irrealizable coa Fundación: que explique publicamente se son legais as propostas que fixo conforme ao testamento. Que aclare se a Xunta de Galicia, responsable de velar dos fins da fundación a través do protectorado que exerce, o ve viable, posible ou factible. Enganou coa posibilidade de realizar neses terreos un auditorio e trata de enganar a todas as veciñas e veciños coa posibilidade que o Concello de Foz se faga cargo dun inmoble que non é da súa propiedade e que tiña un fin declarado polo seus benefactores. É máis, trata de pasar ao Concello unha responsabilidade sobre un ben privado que non é súa, xa que non ten ningún dereito nin obriga sobre o inmoble”, di.
O alcalde aclara tamén que “o Concello de Foz o que pretende é que un edificio tan emblemático como é o vello asilo non derive nunha ruína. E neso está a traballar, cunha relación cordial e fluída co Padroado da Fundación, baseada no respecto e na lealdade. Oxalá se poida recuperar a edificación á maior brevidade e que un espazo tan querido por todas e todos o podan seguir desfrutando as novas xeracións. Espero de verdade que isto non sexa unha manobra política para tratar de evitar que a situación do asilo se resolva definitivamente”.
Cajoto remata comentando que “o que non vamos facer en ningún caso é saltarnos a lexislación vixente nin tampouco faltar á verdade. Existen leis e normas e os representantes políticos debemos explicar a realidade, non adulterala. Aínda non chegou a oposición de altura, de propostas, que se afaste da mentira e que traballe de forma leal polo pobo de Foz; seguimos agardando”.