Cajoto destaca que o auto do TSXG sobre as cubas é importante para que se venda a planta
O alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, destaca que o auto da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que prohibe a Alcoa parar as cubas da factoría de San Cibrao é importante para que se venda a planta e se siga fabricando aluminio de calidade na Mariña.
“Hoxe fomos coñecedores dunha boa nova, o auto de medidas cautelares ditado pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que aínda que non recolle todas as demandas dos sindicatos si que ordena, de forma moi clara, á empresa Alcoa a absterse de levar a cabo calquera actuación dirixida a facer efectiva a parada das cubas. Non pode facelo por orde xudicial. Isto é moi importante para manter viable a planta, para que se poida facer efectiva dunha vez esa compra por parte de Liberty, que esperamos todos; que Alcoa venda xa a planta e que permita seguir fabricando aluminio de calidade na comarca cun proxecto industrial viable, para o que estamos todos presionando”, manifesta Fran Cajoto.
O rexedor focense recorda que “esta demanda é de todo o comité de empresa, dos tres sindicatos, pero tamén apoiada pola Xunta de Galicia e polos ministerios de Industria e de Transición Ecológica, co cal estamos todas as administracións, todos os traballadores e toda a comarca da Mariña presionando para que se manteña a produción, para que os traballos non se perdan e para que unha no
XUNTA DE GALICIA
A Xunta de Galicia valora positivamente que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia veña de conceder as medidas cautelares solicitadas polo comité de empresa de Alcoa e os sindicatos e nas que contaron para a súa presentación coa colaboración da Administración autonómica.
A decisión de impedir á empresa a paralización das cubas permite seguir adiante desde a unidade de acción cos traballadores para acadar o obxectivo último de continuar coa produción de aluminio primario en San Cibrao e, polo tanto, o mantemento dos postos de traballo.
Esta decisión dá a razón tanto aos traballadores como ás administracións, que levamos semanas demandando a Alcoa que volva á senda do diálogo: a mellor saída para todas as partes é que Alcoa acepte a venda da planta de aluminio primario. En ningún caso, podemos contemplar o peche da única fábrica que produce neste momento aluminio primario en España como unha opción. Carece de calquera sentido desde o punto de vista empresarial, económico ou estratéxico.
Alcoa segue estando a tempo de recapacitar. Agardemos que esta nova resolución supoña un punto de inflexión para que a empresa acepte sentarse de novo a dialogar e chegar a un acordo. De persistir na súa teima de non dialogar e de insistir na paralización das cubas, a Xunta xa deixou claro que lle pedirá ao Goberno a intervención temporal da planta de aluminio.
Seguiremos colaborando cos traballadores e sindicatos e confiamos en que o Goberno manteña a actual liña de cooperación, convocando a reunión prevista co comité de empresa e a Xunta; e presentando as medidas que permitan contar cun marco enerxético estable para a industria electrointensiva, sector que a Xunta xa ten declarado estratéxico e esencial.