Campos Conde inicia o proceso de disolución da TIC e a integración do seu persoal e actividade na Deputación
O presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos Conde, iniciou este mércores o proceso de disolución da Fundación TIC e da integración do seu persoal e actividade no organismo provincial. Campos Conde decidiu incluír na orde do día do Padroado da Fundación TIC, que tivo lugar este mércores para aprobar o seu presuposto (que xa contempla modificacións debido a esta decisión) este asunto para a posta en marcha dos trámites necesarios e acadar este fin.
Deste xeito, o primeiro paso será a aprobación, por parte do Padroado, da modificación dos Estatutos da TIC; o segundo corresponderá á Xunta de Galicia, que deberá aceptar este cambio nos Estatutos e, por último, a Corporación Provincial tamén terá que aprobar no Pleno a subrogación, por parte da Deputación, tanto do persoal como da actividade da TIC.
Orzamento para 2018
O Presidente incluíu este asunto na orde do día do Padroado no que se aprobou o presuposto para 2018. Este ascende a 1.651.290 euros, baixando nun 8% debido á falta de encomenda de xestión do In Lugo, que irá asumindo directamente a Deputación. Deste xeito, no orzamento provincial incluiranse os fondos necesarios para continuar coas actividades de fomento da autonomía e envellecemento activo a través das TIC para maiores, nas que cada ano participan milleiros de lucenses de toda a provincia, sendo todo un éxito.
Co presuposto para o vindeiro ano, a TIC manterá e reforzará no 2018 as liñas de actuación que está a levar a cabo nos últimos exercicios: garantir un ensino de calidade na Escola de Imaxe e Son; contribuír á promoción da provincia a través da cooperación cos Concellos; e reforzar o labor social co apoio á rede asociativa. Tamén continuará coas actividades para maiores ata avanzar na integración da TIC na Deputación, garantindo, deste xeito, que esta programación non cese.
Ensino de calidade
A TIC impulsará as actividades destinadas a manter a calidade da formación da EIS, incidindo nas prácticas en escenarios reais e no contacto directo con profesionais de prestixio do sector audiovisual. Ademais, a igualdade de oportunidades volverá ser un dos obxectivos da entidade. A Fundación manterá a gratuidade da matrícula por undécimo ano consecutivo para que os mozos e mozas lucenses interesados nos ciclos de realización e produción poidan estudar na EIS, independentemente do poder adquisitivo das súas familias.
Labor social
Unha das prioridades da TIC seguirá a ser o seu labor social. Por unha banda, a través do apoio ao tecido asociativo da provincia. Neste momento, ten asinados convenios de colaboración con preto de 180 entidades sociais, culturais, deportivas e veciñais, para a realización audiovisuais que contribúen a difundir as actividades destas entidades sen ánimo de lucro. Por outra banda, este labor tamén se reflectirá nas actividades destinadas a promover o envellecemento activo dos maiores da provincia a través das novas tecnoloxías.
Promoción da provincia
A TIC divulgará as actuacións da Deputación, entre elas, as sesións plenarias da Corporación Provincial coa súa emisión en directo a través de Internet. Tamén destaca o apartado de promoción da provincia desde o punto de vista turístico, cultural e económico, así como a cooperación cos Concellos con contidos audiovisuais que difundan as actividades que organizan. Por outra banda, a Lugo Film Commission continuará co seu labor de promoción da provincia como destino de gravación e rodaxe de audiovisuais.