Campos supervisa as obras da estrada que comunica Riotorto con Lourenzá
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado de varios veciños, supervisou as melloras feitas pola Deputación na estrada LU-P-2801 que comunica Riotorto con Lourenzá, concretamente esta vía transcorre cara Santo Tomé por San Adriano, Augaxosa e Mazo. O Goberno da Deputación realizou un investimento de preto de 100.000 euros para arranxar esta vía.
Campos Conde explicou que os traballos “supuxeron a remodelación integral do firme con aglomerado en quente nun treito de 2 kilómetros, a actuación fíxose concretamente dende o punto kilométrico 9 ata o 11. Con estas actuacións de rexeneración da LU-P-2801 damos resposta ás demandas dos veciños e contribuímos a mellorar a súa calidade de vida, dende unha Deputación social, rural e coas persoas”.
O presidente remarcou que máis de 3.500 veciños da Mariña, dos concellos de Riotorto e de Lourenzá, benefícianse directamente desta obra, xa que é unha das vías de acceso a estes dous núcleos mariñáns.
Os traballos, que rematarán nos vindeiros días e servirá para mellorar a comunicación ao tempo que se incrementa a seguridade dos usuarios, consisten na remodelación integral do firme con aglomerado en quente, limpeza de cunetas e instalación de sinalización horizontal.