Candia expresa o compromiso do PP de Lugo coa erradicación da violencia machista
A presidenta provincial do PP, Elena Candia, expresou este xoves o firme compromiso do Partido que dirixe coa erradicación de calquera tipo de discriminación que permita a violencia machista. Foi durante a inauguración da xornada “A violencia de xénero, unha realidade na sociedade”, e incluída na programación de actos impulsados por esta formación política para manifestar a súa profunda repulsa a esta lacra social.
Deste xeito, a dirixente dos populares defendeu que “previr e poñer fin a este atentado contra as mulleres é un obxectivo irrenunciable para os que temos responsabilidades políticas e de goberno”, pois, no que levamos de ano, xa son 43 as mulleres que perderon a vida a mans das súas parellas ou exparellas; 7 os menores asasinados pola violencia de xénero e 22 nenos quedaron orfos pola mesma causa.
“Hoxe e todos os días temos que manifestar a nosa condena absoluta, trasladar o apoio ás vítimas e artellar medidas que contribúen a reducir estas cifras”. Para elo, destacou, “cómpre a implicación de todos os grupos políticos, cidadáns, institucións, asociacións... para acadar unha maior prevención, educación e formación na materia, e que permita frear esta lacra”.
A presidenta provincial felicitou á comisión organizadora do encontro, “quen fixo un esforzo extraordinario” por agrupar nunha soa tarde a especialistas na referida temática, xa que “eles son os mellores para indicarnos aos Partidos e aos que tamén temos responsabilidades, como é o meu caso na administración local, das mellores medidas de actuación tanto para erradicar esta inxustiza como para prestar unha atención axeitadas ás vítimas”, remarcou Candia.
O Partido Popular súmase así aos actos en repulsa da violencia machista. Logo da intervención da dirixente do PP, tivo lugar a mesa redonda, que estivo moderada pola secretaria de Política Social -área organizadora do encontro-, María José Blanco Freire, e na que interviron o subinspector de Policía Nacional da UFAM de Lugo, Enrique Giménez, a xefa da Unidade Contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Lugo, Ana Belén Pacio, e a psicóloga experta na atención ás vítimas, Sandra Casas Vilas.
A xornada rematou coa intervención da coordinadora de Igualdade do PPdeG, Susana López Abella, quen abordou a violencia de xénero como un asunto de Estado; cuestión que os populares consideran de extraordinaria importancia para reducir o número de casos que sofren de modo totalmente inxusto este tipo de violencia.
Neste senso, a coordinadora do Partido Popular a nivel autonómico explicou que en setembro deste mesmo ano foi aprobado o primeiro Pacto de Estado nesta materia, incluíndose no mesmo as achegas ratificadas no Parlamento de Galicia por unanimidade de todos os grupos políticos e presentadas na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado no pasado mes de marzo.
A Muralla, iluminada de violeta
No marco desta programación,Elena Candia tamén lembrou que as luces da Muralla (zona da Mosquera) permanecerán de cor violeta este sábado, día 25, dende o ocaso ata as 00:00 horas. Con esta iniciativa, tanto a agrupación local como a provincial queren expresar a súa condena a este tipo de violencia que, “por desgraza, é unha realidade”. E é que, segundo os últimos datos publicados polo Consello do Poder Xudicial, correspondentes ao primeiro trimestre do ano, ingresaron nos xulgados lucenses algo máis de 200 delitos relacionados contra a violencia de xénero.