Cantar Delas actuará en Vilalba no ciclo 'Creadoras de Música'

TerraChaXa
Será o sábado 9 de novembro no auditorio, organizado polo Iescha
cantar-delas-creadoras-de-musica
2 Nov 2024

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza o concerto Creadores de Música, a cargo do grupo coral Cantar Delas, dirixido por Fernando Gómez Jácome, que terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o sábado 9 de novembro, ás 20:00 horas.

A entrada sera de balde, pero haberá que realizar a correspondente reserva na web do Concello, na casa da cultura ou o mesmo día no auditorio.

O PROXECTO 'CREADORAS DE MÚSICA'

Ao longo da historia, as mulleres foron sistematicamente excluídas do recoñecemento cultural e artístico, sendo relegadas a roles secundarios e privadas do acceso á educación. Este silencio imposto fixo que compositoras, intérpretes e creadoras quedasen na escuridade, sen posibilidade de que a súa contribución fose valorada.

Creadoras de Música, o proxecto impulsado por Cantar Delas, busca poñer en valor estas figuras esquecidas, dar a coñecer as súas composicións e destacar a capacidade creativa das mulleres ao longo dos séculos.

O proxecto ofrece un ciclo de concertos, como o que se presenta, que exploran desde a música medieval de Hildegarda von Bingen ata as cantautoras do século XX como Violeta Parra, pasando polas cantigas galego-portuguesas, a música popular e o repertorio feminino dos cancioneiros renacentistas. Así mesmo, recoñece o traballo de directoras e harmonizadoras de voces brancas e creadoras contemporáneas, subliñando a importancia de reivindicar o acceso das mulleres á formación musical e o seu papel na historia cultural.

O GRUPO CORAL CANTAR DELAS

Cantar Delas é o único coro de voces brancas da provincia de Lugo, fundado en 2008 e dirixido por Fernando Gómez Jácome. Ao longo da súa traxectoria, o grupo levou a cabo proxectos destacados, como a interpretación do Stabat Mater de Pergolesi en 2010 coa Orquestra de Xove e un proxecto sobre composicións medievais en 2012 xunto ao grupo Tundal.

En 2017 participou no concerto Unha tarde na ópera, acompañado polo pianista Aurelio Chao. No Festival de Música Cidade de Lugo de 2018, rendeu tributo a Xoán Montes e, en 2019 e 2020, presentou o ciclo Mulleres libres, un percorrido histórico da música. En 2022, co motivo do Xacobeo, Cantar Delas interpretou o ciclo Carmina Viarum, con música medieval inspirada nas rutas do Camiño de Santiago. Tamén colaborou en eventos organizados polo Concello de Lugo, como o Día das Letras Galegas ou o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Actualmente, o coro desenvolve o proxecto Creadoras de música, que busca visibilizar a contribución de compositoras históricas que foron silenciadas.

0.19317984580994