Carballo Vivo impulsa unha ruta para coñecer o patrimonio da parroquia friolesa de Anafreita

TerraChaXa
A Asociación Cultural Carballo Vivo, co patrocinio do Concello de Friol, organizan unha ruta por Anafreita dando continuidade ao proxecto “Algo máis que pan e queixo” que nacía para dar a coñecer o municipio a través da rede e “parroquia a parroquia”.
Cruceiro en Anafreita
13 Nov 2017

A Asociación Cultural Carballo Vivo, co patrocinio do Concello de Friol, organizan unha ruta por Anafreita dando continuidade ao proxecto “Algo máis que pan e queixo” que nacía para dar a coñecer o municipio a través da rede e “parroquia a parroquia”.

O roteiro comezará na praza de Friol ás dez da mañá do sábado 18 de novembro onde se concentrarán os participantes para saír en coche ata a parroquia de Anafreita ás dez e media. Arredor das once está prevista a saída da ruta guiada, de aproximadamente 15 quilómetros, que rematará arredor das dúas do mediodía para xantar o que leve cadaquén. O regreso a Friol está previsto para as catro da tarde.

A organización recomenda usar calzado cómodo e impermeable, roupa deportiva e vara.

A ruta pretende percorrer a parroquia enlazando os diversos puntos singulares (históricos, culturais, etnográficos, patrimoniais…).

Tamén se aproveitará o percorrido para facer unha reportaxe gráfica e recoller historias e lendas contadas pola xente do lugar que, posteriormente, estarán dispoñibles no blog “Algo máis que pan e queixo”.

Magosto
En colaboración coa mancomunidade de montes veciñais en man común de Carballo, tamén propón Carballo Vivo a celebración dun magosto o 25 de novembro a partir das nove do serán no centro social da parroquia onde haberá concurso para premiar á castaña máis grande, á máis pequena e á castaña ou landra máis orixinal.

E con motivo do outono, tamén convocan un concurso fotográfico. Os interesados e interesadas en participar poden enviar as súas imaxes ata o 24 de novembro ao enderezo electrónico carballovivo@gmail.com.

0.17422795295715