Carlón Callón presenta en Vilalba 'Galegocalantes e galegofalantes' da man do IESCHA
O Instituto de Estudios Chairegos organiza a presentación do libro Galegocalantes e galegofalantes de Carlos Callón, o venres 1 de decembro de 2017, ás oito e media do serán, na Casa da Cultura de Vilalba coa participación do propio autor do libro, Carlos Callón, e a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.
"Tócanos definir se imos permitir que destrúan o idioma propio do país ou se, polo contrario, imos ser a xeración que soubo facerlle fronte a esta lexión de enterradores", di Carlos Callón en Galegocalantes e galegofalantes, un libro-testemuño sobre o que lle ten acontecido á lingua galega desde que o PP retomou o poder autonómico en 2009. Nas súas páxinas analízanse as causas dos retrocesos e do inédito movemento social de resposta xurdido nese ano. Ademais, fornécense argumentos para continuar na defensa do idioma e anímase a que as persoas galegocalantes dean o paso a se transformaren en galegofalantes. É, pois, un libro que dá azos, razóns, forza e determinación.
Carlos Callón resalta que cos datos actuais “o mérito do galego é estar vivo” e anima as persoas galegofalantes a defender a nosa lingua ao tempo que convida as non falantes a se uniren a esta loita. Aínda así, o autor móstrase esperanzado cando comenta que “Esta obra pretende activar o debate social sobre a lingua galega dende unha perspectiva optimista”.
O libro que se presenta o venres constitúe a última parte da triloxía ensaística que comezou Callón con “En castellano no hay problema” e “Como defender os teus dereitos lingüísticos”. Outra obra salientábel do autor é “Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez”.