Carlos Ares, Ángel Stanich e Puño Dragón únense ao cartel do FIV de Vilalba de 2026

TerraChaXa
Súmanse a La M.O.D.A, Alcalá Norte, Repion, Celia Becks e Grande Osso, primeiras confirmacións para os días 24 e 25 de abril
CARTEL-FIV-VILALBA
11 Dec 2025

O FIV de Vilalba comeza a coller ritmo de cara á súa edición de 2026, que se celebrará os días 24 e 25 de abril na capital chairega. A organización vén de revelar tres novos membros do cartel da edición de 2026, para manter o espírito independente e a esencia emocional que fixeron do festival unha das grandes citas musicais da primavera en Galicia.

Así, aos grupos anunciados con anterioridade súmase agora Carlos Ares, artista revelación do pop folk español. É coñecido polo seu son orgánico e enérxico en directo, fusionando folk galego con electrónica e pop alternativo.

Tamén estará Ángel Stanich, que é un cantautor español de rock alternativo e folk, coñecido polas súas letras surrealistas e a súa estética de perfil baixo.

Engaden a Puño Dragón, banda española de rock alternativo orixinaria de Asturias, formada en 2021 por músicos con experiencia previa (como Rafa Tarsicio de Tigra e Jano Díaz) que mesturan rock tradicional con sons modernos, creando un estilo único que describiron como "vellos pero modernos".

Ademais o programa inclúe a Rapariga DJ e Futuro Alcalde.

O momento Fiver contará cos apartados FIV Stars e Karaoke con Esteban.

OS PRIMEIROS CONFIRMADOS

Entre as primeiras confirmacións destaca LA M.O.D.A., unha das bandas máis queridas polo público estatal. O seu directo, cargado de enerxía e emoción, converte cada concerto nun encontro colectivo no que o folk, o rock e a música de raíz se entrelazan nunha proposta única. O seu regreso a Vilalba promete ser un dos momentos máis memorables do FIV 2026.

Tamén se suma ao cartel Alcalá Norte, unha banda revelación que está a abrirse camiño con paso firme grazas ao seu son enérxico e ás súas letras xeracionais. O grupo chega ao festival nun momento de plena efervescencia creativa, consolidándose como unha das propostas máis frescas da escena alternativa.

O festival contará ademais con Repion, un proxecto que combina forza, melodía e unha identidade sonora moi marcada. O trío destaca polos seus directos intensos e pola súa capacidade para conectar coa audiencia a través dun rock alternativo vibrante e emocional.

A cantautora Celia Becks achegará ao FIV unha proposta persoalísima, na que conviven a sensibilidade, o pop sofisticado e unha voz que non deixa indiferente. A súa presenza no cartel reforza a diversidade estilística desta nova edición.

Completan este primeiro avance Grande Osso, o dúo de DJs da Mariña que combina indie, rock, pop, disco, funk e house en sesións de alta enerxía e que xa actuou nas últimas dúas edicións do FIV.

⚙ Configurar cookies
0.094343185424805