Carlos Gómez Osa protagoniza en Vilalba o concerto 'En feminino. Cancións con nome de muller'

TerraChaXa
A actuación inscríbese na programación especial que o Iescha dedica cada ano á figura e á obra de Rosalía de Castro
concerto-carlos-gomez-osa-iescha-vilalba
25 Feb 2026

O Auditorio Municipal de Vilalba acollerá o sábado 28, ás 20:30 horas, o concerto En feminino. Cancións con nome de muller, protagonizado por Carlos Gómez Osa, nun acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) coa colaboración do Concello de Vilalba.

A actuación inscríbese na programación especial que o Iescha dedica cada ano á figura e á obra de Rosalía de Castro, coincidindo coa conmemoración do Mes de Rosalía. Ao mesmo tempo, a iniciativa enlaza coa celebración do Día da Muller-8M, convertendo a música nun espazo de reflexión, recoñecemento e reivindicación do papel das mulleres na cultura e na sociedade.

Carlos Gómez Osa estará acompañado á guitarra por Lois Cuba e contará coa participación de Rosana Domínguez e do Minicoro ESMUVI, baixo a dirección de Baruk Domínguez. O repertorio xirará arredor de cancións con nome de muller, nun formato que procura poñer en valor o talento, a sensibilidade e a forza feminina a través da palabra e da música, reforzando o compromiso coa igualdade e coa visibilización das creacións femininas.

Profesor vilalbés xubilado, Carlos Gómez Osa foi un dos fundadores da antiga Agrupación Cultural Lois Peña Novo e forma parte do actual Iescha, entidade na que participou activamente en diferentes xuntas directivas. A súa vinculación coa música levouno a ofrecer nos últimos anos diversos concertos organizados pola institución en datas sinaladas, con propostas como Cantigas para andar a Terra, De Lorca e Rosalía ou homenaxes a Manuel María, ás que agora se suma este novo proxecto titulado “En feminino”.

O concerto preséntase así como un acto cultural e simbólico que une memoria, arte e compromiso social, nunha cita que aspira a reivindicar tanto o legado de Rosalía de Castro como a presenza plena das mulleres na vida cultural e pública. A entrada será de balde, con reserva previa de localidade.

0.11745619773865