Carlos Méixome ofrece o venres unha conferencia sobre memoria democrática
O venres 17 de febreiro de 2023, ás 20:30 horas, na casa da cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), organiza unha conferencia a cargo de Carlos Méixome, historiador e escritor galego, que leva por título Unha cata na nova lei de memoria democrática.
Presentará ao conferenciante a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.
Carlos Méixome é un historiador e escritor galego que naceu en Lalín o 18 de setembro de 1954 pero pronto foi para O Carballiño. Estudou Filosofía e Ciencias da Educación na Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesor de Xeografía e Historia en centros da comarca de Vigo e o Val Miñor. En 1999 participou na fundación do Instituto de Estudos Miñoranos, do que foi director ata o 2015. Colaborou co Instituto Galego de Análise e Documentación (IGADI) publicando sobre a Iugoslavia, Cuba e Rusia. Desde o 2005 leva unha boa actividade memorialística sobre a persecución franquista no Val Miñor e no sur da provincia de Pontevedra.
En 2015 publicou unha recompilación dos seus artigos xornalísticos co título Daquí e dacolá. Follas voadeiras. Desde 2014 mantén o blog Pé do Galiñeiro. Tamén colabora con A Nova Peneira.