Carlos Sadness, Postergel e Oscarmina Dj súmanse ao cartel do FIV
O FIV de Vilalba suma e segue. O festival galego, para o que quedan menos de 1.000 abonos á venda, confirma a Carlos Sadness, Postergel e Oscarmina DJ para a súa programación musical sobre o Escenario Mahou, os días 27 e 28 de abril.
Co seu último disco, 'A Idea Salvaxe', Carlos Sadness converteuse nun dos artistas máis exitosos do panorama indie pop. Letras cheas de poesía, imaxinación, metáforas e, sobre todo, personalidade. Un cóctel perfecto sempre presente na música do barcelonés, que está a piques de publicar o seu novo álbum 'Diferentes Tipos de Luz', do que xa adiantou o single "Ale Bopp" e que estará presentando no FIV.
O cuarteto vilalbés Postergel vén de editar en 2017 o seu segundo traballo discográfico 'Microuniversal', co que deixan atrás a súa versión máis power-pop e penétranse en cancións máis sonoras rodeadas de atmosferas eléctricas. Desde que se formou en 2003, a banda non parou de dar guerra levando por salas e festivales do noroeste peninsular o seu son enérxico e contundente, as súas guitarras desbocadas e as súas melodías envolventes.
Completa esta nova tanda de confirmacións Oscarmina DJ, que chega disposto a fusionar o mellor da música indie con temas míticos dos 80 e 90. Unha proposta que vai desde o pop máis delicado á electrónica máis bailable, pasando polo rock máis guitarrero.
Tres novas confirmacións que se unen aos xa anunciados Lori Meyers (na que será a súa única actuación confirmada ata o momento en festivales de Galicia este 2018), Xoel López, Novidades Carminha, A Habitación Vermella, Nunatak, Escoitando Elefantes e David Kano DJ.
Os abonos seguen á venda a 28 euros ata esgotar existencias, a través das seguintes canles oficiais: www.fivdevilalba.com ou www.ticketea.com.