Carlos Veiga, candidato do PP á Alcaldía de Meira
A máxima dirixente do PP provincial, Elena Candia, aposta por “recuperar a alcaldía de Meira da man de Carlos Veiga, un meirego comprometido co municipio e os seus veciños e tamén coñecedor das súas necesidades grazas á súa profesión como taxista que, agora, da un paso adiante para afrontar este reto”.
Veiga destaca que “a situación xeográfica estratéxica de Meira que o converte nun municipio atractivo para vivir”; xa que “ademais dispón de tódolos servizos que foi adquirindo grazas á xestión de Gobernos populares”. Nesa liña, segundo considera o popular, “temos que traballar por atraer e fixar poboación”. Para iso, “é preciso dotar ao municipio de solo industrial que permita asentar empresas”. De feito, “somos coñecedores do interese de varias industrias en aumentar as súas instalacións no polígono meirego e tamén doutras que teñen demandado novo solo industrial”. Foi precisamente a necesidade de dotar de solo industrial a Meira, e que considera “unha oportunidade”, a que determinou a súa decisión por encabezar este novo proxecto do PP. E, nesa liña, o candidato popular comprométese a traballar por lograr este “obxectivo prioritario” co que “revitalizar Meira”.
Outro dos grandes retos que se marca o popular é a posta en marcha do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O alcaldable do PP asegura que “é de especial necesidade que Meira conte cun Plan Xeral que permita regular a construción de novas vivendas no municipio”. Nese senso, pon como exemplo “a ausencia de vivendas en alugueiro no casco urbano para persoas interesadas en instalarse en Meira de forma puntual ou incluso permanente”. Pero tamén incide nas dificultades que supón a falta deste Plan Xeral á hora de realizar novas construcións tamén nas zonas rurais do termo municipal.
Carlos Veiga cre que “as traídas de auga no municipio precisan ser melloradas” porque “en oito anos con De Dios como alcalde non se tiveron en conta estas necesidades e iso supuxo graves problemas en épocas de gran seca para industrias coma a planta de transformación de leite da que dependen moitos postos de traballo en Meira e tamén para comercios locais coma as panaderías que se viron afectadas polos cortes de auga”.
Por outra banda, o popular lamenta “a redución do número de prazas de aparcamento” derivadas “do arranxo da praza de Meira na que o actual alcalde investiu 100.000 euros”. Veiga sinala que “esta medida prexudica ao pequeno comercio” polo que os populares propoñen “crear un novo aparcadoiro preto do centro da vila”.
Calidade de vida e recursos patrimoniais e turísticos
Non se esquece o candidato popular á alcaldía de Meira dos servizos sociais aos veciños e veciñas ou do solo industrial para o municipio. “Son dous aspectos que se deben mellorar para garantir unha boa calidade de vida aos meiregos e ofrecer facilidades para o asentamento de empresas e, polo tanto, para a creación de postos de traballo”.
Por outra banda, Veiga aposta pola potenciación das feiras que se celebran na vila cada 15 días e tamén dos recursos turísticos e do patrimonio arquitectónico do municipio como son a variante do Camiño Norte coñecida como Vía Rexia ou a igrexa de Santa María que data do século XII.