Carmela Franco liderará o BNG nas eleccións ás Pontes
A Asemblea Local vén de aprobar o conxunto de nomes que compoñen os 13 primeiros postos da listaxe coa que concurrirá o BNG das Pontes ás eleccións locais do próximo 28 de maio. Carmela Franco, proclamada oficialmente candidata á alcaldía, foi a encargada de presentar a todas esas persoas que constitúen “unha representación clara da diversidade da sociedade pontesa”.
Carmela Franco deu a coñecer a proposta do Consello Local nunha Asemblea multitudinaria que se desenvolveu entre aplausos, froito do entusiasmo e da ilusión que xera unha das listaxes máis ambiciosas das que se teñen feito co obxectivo de acadar o goberno local.
Ademais da propia Carmela Franco, como cabeza de lista, séguena nos primeiros postos Kiko da Silva e Chus Romero, que teñen acreditada experiencia e solvencia do seu bo traballo municipal, e tres perfís novos como Diego Balsa, Emma Lamas e Daniel Balseiro.
Completan a lista, ata o 13° posto, María Trastoy, Iago Foxo, Paula Carballo, Iván Alén, Femi Anidos, Alba García e pecha a candidatura o histórico Fermín Paz.
O responsable local, Nicolás Pena, indicou que a constitución da lista precede un "arduo traballo de busca dos perfís máis axeitados para movilizar a veciñanza, recoñecendo o traballo militante e incorporando persoas independentes e recoñecidos do ámbito social, deportivo e cultural".
No peche do proceso asembleario, Carmela Franco definiu a listaxe como o alicerce dun proxecto "ilusionante e de futuro, do que me sinto moi orgullosa e que deposito nela toda a confianza para conseguir o obxectivo polo que me metín na política local: poder vivir nas Pontes con dignidade".