Carmen Rouco Díaz, do Basanta Silva, premio extraordinario de bacharelato do curso 2016/17
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicaba este venres no Diario Oficial de Galicia a resolución dos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2016/17, cos que recoñece a excelencia educativa de 20 alumnos e alumnas. Cada galardón está dotado cunha contía de 1000 euros e o alumnado que obteña o premio poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público. Ademais supón a anotación da distinción no seu expediente académico, a concesión dun diploma acreditativo e a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de bacharelato.
Carmen Rouco Díaz, do IES Basanta Silva de Vilalba, é un dos dous galardoados da provincia de Lugo xunto a Carlos Rodríguez Ascariz, do IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes de Lugo. Dous foron tamén os premiados da provincia de Ourense, Fernando González Fontanals e Adolfo Güell Domínguez, do IES As Lagoas de Ourense. Catro dos premiados proceden da provincia de Pontevedra, en concreto David Búa Teijeiro, Sabela Corral Canda e Nicolá Xoán Le Creurer Quinteiro, os tres do IES Rosais 2 de Vigo e Mariana Cabaleiro Lago, do IES Mendiño de Redondela. E, nesta edición, os galardoados correspondentes a centros da provincia de A Coruña foron un total dunha ducia: Jorge Manuel Blanco Rodríguez, do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda da Coruña; Erika Calvo Rivera, do IES Eduardo Pondal de Ponteceso; Lucía Cuadrado Dorrio, do IES Saturnino Montojo de Ferrol; Jorge Luis Fernández Blanco, do CPR Plurilingüe Cristo Rey da Coruña, Cristina Fernández Lema, do CPR Plurilingüe Compañía de María da Coruña; Laura Meizoso García, do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña; Jacobo Mejuto Pérez, do CPR Plurilingüe La Salle de Santiago de Compostela; Pablo Monteagudo Lago, do IES Plurilingüe Fontexería de Muros; Martín Otero Lema, do IES Plurilingüe Adormideras da Coruña; Jorge Paz Ruza, do IES Concepción Arenal de Ferrol; Margarita Carmen Sarralde Díaz, do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e Alba Sendón Blanco do IES Agra de Raíces de Cee.
A concesión dos ditos premios supón un recoñecemento ao esforzo e dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, algunha das modalidades de bacharelato no sistema educativo galego. Non en balde, para concorrer a estes galardóns era necesario ter unha cualificación final media nos dous cursos de bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos.
Ademais, os aspirantes aos premios realizaron unha proba estruturada en dúas partes: a primeira consistente na análise e comentario crítico dun texto de carácter xeral, histórico, filosófico e literario e na resposta a cuestións de carácter cultural e lingüístico sobre un texto na lingua estranxeira cursada polo alumnado como materia común de bacharelato. Na segunda parte desenvolvéronse temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia propia da modalidade cursada polo alumnado.