Carreira popular entre Castro de Rei e Castro o 8 de decembro
O Concello de Castro de Rei promove unha carreira popular entre a capitalidade municipal e a localidade de Castro Ribeiras de Lea.
Trátase dunha proba que discorrerá o vindeiro venres 8 de decembro por vías da Deputación Provincial que permanecerán pechadas ao tráfico rodado.
A carreira é aberta a tódolos atletas, federados ou non, sen distinción de sexo ou nacionalidade, que participen baixo a súa responsabilidade. A organización divide a proba e o percorrido en 14 categorías: pitufos (2012 e posteriores), pequerrechos (2009-2011), sub 12 (2007-2006), sub 14 (2005-2006), sub 16 (2003-2004), sub 18/20 (1999-2002), sub 23 (1996-1998), senior (1983-1995), master A (1978-1982), master B (1973-1977), master C (1968-1972), master D (1963-1967), master E (1958-1962) e master F (1957 e anteriores).
Deste xeito, os maiores deberán completar un percorrido de 14 quilómetros a partir das dez e media da mañá; mentres que para as categorías menores foron establecidas distintas de entre os 150metros ata o 3.000. Estas probas darán comezo ás doce e vinte do mediodía.
Os dorsais retiraranse o día da proba na zona habilitada pola organización ata 30 minutos antes da saída de cada proba. Haberá tres avituallamentos líquidos e un sólido ao final da carreira.
Inscricións
As persoas interesadas pódense inscribir no portal web da Federación Galega de Atletismo antes do martes 5 de decembro á medianoite por un prezo de 4 euros no caso da carreira absoluta na que xa son 160 as persoas inscritas que se puideron beneficiar dun 50% de desconto na inscrición ata este xoves 30 de novembro.
Son xa máis de 77 os rapaces e rapazas inscritas nas probas das categorías menores o que supón un total de 237 inscritos e inscritas.
Premios
Os tres primeiros clasificados masculinos e femininos da carreira absoluta recibirán cadanseu trofeo igual que os tres primeiros de cada categoría tanto masculina coma feminina. Ademais, na categoría pitufos entregarase unha medalla a todos os participantes, pero non haberá trofeos para esta categoría nin se farán clasificacións. E entre os pequerrechos tamén se repartirán medallas a tódolos participantes e trofeo aos tres primeiros clasificados tanto masculinos como femininos.
A entrega de premios desenvolverase a partir da unha do mediodía na zona de meta a non ser que o tempo o impida. Nese caso, realizase no pavillón municipal.