Casa Guinea álzase con premio Que bo estás Guitiriz! 2018
Casa Guinea de Os Vilares foi o gañador da sexta edición Que bo estás, Guitiriz, coa súa proposta Taco Guinea. O local repartiu unhas 1.200 tapas neste popular concurso, no que chegaron este ano a unha gran participación con case 20.000 persoas.
O segundo clasificado foi a Parillada Merendero con Para gustos colores, seguido do Bar Recreo de Parga coa súa tapa Calamardo e Bob Esponxa. Este concurso trátase dun dos eventos de tapas con máis éxito da provincia, xa que os locais teñen unha media de mil tapas por negocio en cada edición, chegando nalgúns casos a subir de dúas mil racións.
Participaron 14 locais de hostalería do concello repartidos por todo o territorio pero con especial representación en Guitiriz, Vilares e Parga. As tapas de concurso tiveron un prezo de dous euros cada una e tamén houbo unha oferta especial de tapa máis viño por 3,50, cos viños da bodega Val Miñor (un ribeiro do Douro e un Albariño).
Os hostaleiros están tan satisfeitos co resultado acadado estes anos, que nesta edición houbo moitas sorpresas e máis evolución nos pratos que se presentaron ao concurso, e nos que houbo todos os sabores de carne, pescado e doce.
Como novidade, e seguindo a tradición de ir vinculado o concurso a unha cuestión solidaria, cinco centímos de cada tapa foron destinados ao festival de Pardiñas, co obxectivo de apoiar a principal actividade que dinamiza o concello durante todo o ano. Nesta ocasión, recaudáronse un total de 1.095,36 euros.
Os premios aos hosteleiros e ao público entregaranse o vindeiro 9 de abril. David Montero gañou 300 euros, Francisco Gómez Varela 200, Víctor Fernández Miragaya 100, e os gañadores de 50 euros foron Luis Ruiz, Alberto Serrano, Antonio López e Roberto Santamariña.