Case 20 persoas remataron o obradoiro de emprego Ribadeo co Camiño
Ribadeo entregou os diplomas aos participantes no obradoiro de emprego Ribadeo co Camiño, que se veu desenvolvendo desde o pasado mes de outubro. Un total de 18 alumnas e alumnos obtiveron os correspondentes certificados de profesionalidade tras o seu paso polas especialidades de dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais, e instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Foron en total 2.880 horas de traballo. No acto, celebrado no salón de plenos do Concello estiveron o alcalde, Fernando Suárez; o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso; a xefa da Área de Economía e Emprego da Xunta en Lugo, Pilar Fernández; e a directora do obradoiro Ribadeo co Camiño, Maitane Aránguiz.
O rexedor ribadense recalcou que “foi unha labor despois de varios meses de traballo e de formación, en varios aspectos e en varios lugares xeográficos do noso concello, grazas a esta colaboración por unha banda da Xunta, o Concello e ao mesmo tempo co bo facer de traballadores, monitores e alumnos e alumnas, que durante uns meses fixeron un paréntese na súa vida laboral. Todos, maiores de 25 anos, con experiencias laborais seguramente ben diferentes a esta formación recibida agora. Creo poder dicir en nome de todos os participantes que foi unha experiencia boa. Polo que vexo doutros obradoiros, tamén estes grupos acaban en amizades e algúns deles acaban tendo unha inserción laboral en algo parecido ao que fixeron. Pero sobre todo seguro que serve de experiencia para afrontar retos diferentes”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, declarou que “foron máis de dúas mil horas de traballo continuado. Quero remarcar a colaboración coa Xunta na organización deste obradoiro de emprego. Creo que os obxectivos están conseguidos, que eran reforzar o entorno do Camiño ao seu paso por Ribadeo e tamén a súa promoción. Quero agradecer todos os traballos e labores feitas a nivel de axuda na Oficina de Turismo e na Capela das Virtudes. Tamén quero remarcar que os 18 participantes adquiriron uns coñecementos e unha valía que espero que lles serva de axuda na súa carreira laboral e que se encha de éxitos proximamente”.
A xefa da Área de Economía e Emprego da Xunta en Lugo, Pilar Fernández, dixo: “quero darlle as grazas ao Concello por participar sempre nestes programas, porque se os Concellos non participaran non se poderían levar a cabo e eu creo que son moi interesantes para a formación e para facilitar a incorporación ao mercado laboral. Dar tamén a noraboa aos participantes porque conseguestes todos un certificado de profesionalidade que espero que vos valga para incorporarvos ao mercado de traballo”.
A directora do obradoiro Ribadeo co Camiño, Maitane Aránguiz, explicou que “as especialidades a impartir eran instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e tamén dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais. Dos 20 alumnos, 18 obtiveron a certificación de profesionalidade. Foron 2.880 horas de traballo, sumando as dúas especialidades, que deron para moito, dunha formación teórica pero tamén dunha práctica profesional. Na especialidade de xardinería destaca a súa actuación en 6 áreas situadas no Camiño de Santiago, nas que se acometeron diversas labores de limpeza e plantado.Trátase de áreas como a fonte do Valín, a Palmeira en Ove, que sufriron unha gran transformación así coma outras áreas da parroquia de Vilela nas que interviñeron creando unha carballeira e mellorando os espazos da Pena no entorno do albergue, deixando pegada e humanizando espazos para aqueles peregrinos que realizan o Camiño”.
E engadiu que “na especialidade de dinamización desenvolvéronse varias accións dirixidas á promoción o Camiño ao seu paso por Ribadeo e que consistiu na renovación da cartelería do albergue, e sobre todo facendo moito fincapé no traballo de sensibilización dos nenos e nenas, ben a través dos coles e coa realización de obradoiros. Quero ademais destacar a figura de atención ao peregrino que fixeron os alumnos que estiveron atendendo tanto na Oficina de Turismo como na Capela de Arante facilitando unha atención máis personalizada ao peregrino. Este obradoiro chámase Ribadeo co Camiño e o nexo común das dúas especialidades foi facer un traballo integral do Camiño de Santiago, os de xardinería traballaron desde un punto de vista máis paisaxístico e medioambiental humanizando os espazos e os de dinamización puxeron en valor o Camiño desde o punto de vista cultural e artístico”.