Castiñeiro Milenario convoca a Foliada de Outono para o día 14
O sábado 14 de decembro volven as foliadas a Begonte, na quenda da Foliada de Outono de Castiñeiro Milenario. Nesta ocasión contan cunha importante novidade, pois hai un cambio de escenario e por primeira vez, farase a foliada no centro sociocultural de Begonte.
Esta comezará ás 18 horas cun obradoiro de construción de instrumentos miúdos a cargo de Pablo Pintor. Un obradoiro para pequenos e grandes, onde recomenda que os máis pequenos veñan acompañados dun adulto. Aprenderase a facer algún deses instrumentos pequenos de percusión que, por ser pequenos, non deixan de ser ben interesantes na música tradicional. Será un xeito de mellorar as habilidades manuais, coñecer algún deses instrumentos e se cadra tocar algunha peciña con eles.
O obradoiro vai ser de balde para todas as persoas socias de Castiñeiro, e terá un custe de 10 euros para persoas non socias. É necesario anotarse para ter unha previsión de asistencia no correo electrónico da asociación castineiromilenario@hotmail.com.
Ao remate do obradoiro haberá uns petiscos e a partir das nove da noite comezará a foliada con catro grupos participantes, os residentes Foliadeir@s do Castro e Treitoira que, como sempre, serán os encargados de romper o xeo e despois estará o grupo Pena Viso, Petaticatúa e Xermolos. Ao remate haberá foliada libre ata que o corpo aguante.